Opinión

PASARELA DE PEÓNS DO VAO

Acrónica social de La Región do 30 de xuño do ano 1918 da conta polo miúdo do solemnísimo acto da inauguración da Ponte Nova sobre o Miño, así como da multitudinaria asistencia das autoridades da cidade ó acto ca excepción do máximo representante da igrexa ourensá, o bispo Ilundain, que daquela se atopaba ausente da cidade.


Terían que pasar xusto 85 anos para que, sen contar naturalmente ca inauguración da Ponte do Ribeiriño e máis a recente do Milenio, se repetise un acto similar, iso si, desprovisto do pasado boato, ca posta en escena dun novo medio de comunicación que une ambas marxes do noso ben querido río Miño. A pasarela de peóns que comunica a populosa barriada da Ponte ca cidade das Burgas ergueuse sobre a paraxe coñecida como o antigo 'Camiño do Vao', tendo como misión, ao igual cas respectivas e veciñas irmáns Ponte Vella e Nova, rachar definitivamente ca desunión existente entre o antigo Concello de Canedo mailo de Ourense, separados ámbolos dous pola presencia do río máis caudaloso e principal de Galicia, o vello Miño.


As características máis salientables desta obra son as seguintes: lonxitude total de 203 metros, cunha anchura de seis que permite unha fluída circulación de peóns entre ambos extremos. O vano central ten unha luz de 83 metros, e os laterais son de 64. Toda a estrutura a sosteñen dous piares en forma de L, que absorben o enorme esforzo de tracción mediante un tensor.


A nova construción deseñouse en forma de estrutura mixta invertida, composta dunha 'celosía' moi lixeira a base de perfiles tubulares de aceiro, cun paso a base de lousas de formigón, o que evidentemente repercute nunha máis ampla permeabilidade do todo o conxunto. É así mesmo interesante destacar a iluminación eléctrica dos pasamáns maila varanda de protección, que permite a cómoda e segura circulación dos usuarios da mesma durante a noite, ó mesmo tempo que resaltan a magnificencia da obra, sobre todo nas horas de maior escuridade.


O delineamento e execución da pasarela de peóns supuxo, entre outras moitas dificultades técnicas, todo un reto para os deseñadores ó ter que superar os inconvenientes provenientes da execución dos piares de sustentación, tendo en conta a proximidade dun deles co trazado da estrada Nacional 120, na marxe esquerda do río, ó que se sumou o efecto estético considerando o punto de vista paisaxístico, que obrigaba a eliminar a barreira óptica que impediría o aproveitamento pleno e visual das dúas xoias cércanas máis apreciadas da cidade; estoume a referir, naturalmente, ás pontes tanto a Romana como a Nova.

Te puede interesar