Opinión

PASARELAS SOBRE O BARBAÑA

A execución dun proxecto básico de acondicionamento e creación de dúas zonas axardinadas e de esparexemento, ambas situadas en sendas marxes do regato dos muíños mailo río Barbaña, ó oeste do camiño da Ponte Codesal, permitiu a recuperación e saneamento dun espazo moi degradado polo seu abandono ó longo do tempo. Así mesmo, ca rehabilitación da antiga muiñeira, futuro centro de coñecemento para o desenrolo e desenvolvemento de proxecto vinculados cas novas tecnoloxías, púxose en escena unha céntrica zona verde, duns 2.885 metros cadrados, con obxecto do goce e lecer dos veciños da zona así como do resto de cidadáns de Ourense.

A nova zona verde, co seu símbolo identificador máis notable, a alta cheminea pertencente a vella muiñeira, foi una actuación máis tendente á recuperación das antano degradadas marxes do noutrora limpo río Barbaña.

Dúas pasarelas exclusivamente peonís, moi preto unha da outra, salvan as canles dos ríos comunicando ambas zonas. O modelo construtivo o constitúe a súa estrutura a base de dúas vigas tipo UPN220, cubertas dunha soleira de madeira de castaño de cinco centímetros de grosor, vernizadas para o seu uso cara o exterior, cunha superficie rugosa en evitación de posibles esvaramentos, separadas a menos de 1,5 centímetros.

Para unha mellor versatilidade construtiva e de peso, se parte en dúas a luz total de ambas pasarelas, quedando cada una delas cunha lonxitude de 12 metros e un peso de 700 quilos. As varandas de protección, ó igual co chan do paseo peonil, son de madeira tratada en autoclave, con tarugos de 10 centímetros de diámetro, todas ergueitas a unha altura de 90 centímetros sobre o nivel do chan.

Unha rede de distribución de enerxía eléctrica totalmente soterrada da servicio a unha curta serie de luminarias distribuída estratexicamente ó longo de todo o parque, acadando un resultado atractivo do conxunto, especialmente pola noite.

O autor do proxecto, encargado polo Concello de Ourense, foi o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Álvarez Mociños. O importe das obras supuxo un custo de 350.000 euros, provintes do Fondo Estatal de Inversión Local, máis coñecido como fondo anticrise, do ano 2010, habilitado polo Goberno central.

Te puede interesar