Opinión

PASO FÁCIL SOBRE O MIÑO

Sen chegar a ser San Francisco, Lisboa, Praga ou París, Ourense considérase como a “cidade das pontes”. O río Miño, o seu afluente o Loña, mailo Barbaña no seu paso a traveso da cidade das Burgas, obrigaron, dende sempre, aos habitantes da bela Auria a erguer diferentes pontes que permitisen salvar os seus marxes.

A pasarela de Oira, a terceira ergueita sobre o canle do río Miño, enlaza 14 quilómetros dun paseo peonil situado ó longo da fermosa ribeira do vello río. A nova ponte pertence, polas súas especiais características arquitectónicas, o tipo denominado de estructura colgante, dado que a súa sustentación principal é exercida por un total de catorce tirantes de aceiro distribuídos do seguinte modo: sete no tramo inicial cara o centro do taboleiro de paso, máis outros sete no extremo oposto, todos eles suxeitos ou cosidos a senllos mastros inclinados duns corenta metros de altura e cimentados a unha distancia de separación entre eles de 110 metros.

A flexibilidade, tan característica neste tipo de construccións civís, se compensou mediante o estudio polo miúdo do comportamento de tódolos elementos constituíntes da obra, adaptados perfectamente as características tanto climáticas como topográficas existentes na zona da súa ubicación. O serpenteante taboleiro de paso, exclusivamente peonil, adaptado perfectamente ás necesidades reais, dun ancho de 2,5 metros, é de madeira de iroko, arbore pertencente á familia das moráceas, oriúndo do continente africano, cuxa característica máis salientable é a grande durabilidade da madeira a traveso do paso do tempo.

A nova pasarela acadou un orzamento de 1.900.000 euros, aportados polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, mediante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que contou con asesoramento técnico por parte da Área de Medio Ambiente, pertencente ao Concello de Ourense.

Te puede interesar