Opinión

PASO NECESARIO CARA O FONSILLÓN

Unha ponte é unha estrutura civil destinada a salvar un determinado obstáculo, ben sexa un caudaloso río, un regato, barranco ou vía de comunicación natural o artificial, que permita tanto o paso de vehículos como de peóns ou de animais con seguridade.


A especial configuración da cidade das Burgas, atravesada polo curso fluvial do Miño mailos seus principais afluentes -o Loña mailo Barbaña-, sen esquecer aqueloutros pequenos regatos que aportan a súas augas o río principal, obrigou á construción de diversas pontes, de maior ou menor importancia, segundo ás necesidades reais a cada caso, co obxecto de permitir un doado e seguro paso sobre estes obstáculos naturais.


A construción da nova ponte, substituta dunha cercana anterior, atópase tendida sobre a desembocadura do regato do Cano ou de Mariñamansa, proveniente de Rairo, actualmente totalmente cuberto no tramo comprendido entre a illa circulatoria, situada no cruzamento da avenida de Zamora e Nosa Señora da Sainza, ata a súa confluencia co Barbaña. Foi unha importante aposta para comunicar a nacente barriada existente entre as rúas de Rodríguez de la Passera, Leiras Pulpeiro maila propia avenida do Regato, na súa confluencia con Gaspar de Acevedo.


O curvo trazado da construción civil mailo seu taboleiro, fabricado seguindo a técnica da tipoloxía mixta formigón-aceiro, sobre o que discorre a calzada, acada unha lonxitude de 34 metros. A vía circulatoria ou calzada, de 40 metros de ancho, se reparte entre catro carrís de circulación, en ambos sentidos, separados por unha medianeira axardinada corrida de dous metros de ancho mailas correspondentes beirarrúas, dun ancho de seis metros, ambas protexidas por sendas varandas metálicas dun metro de altura.


No medio do único vano aberto sobre a canle do río, cunha altura de 7,60 metros sobre o nivel das augas, se abre un só oco no marxe dereito augas abaixo, no que se atopa o desaugue da canle cuberta do regato do Cano ou de Mariñamansa. Discorrendo a ambos marxes do Barbaña se desenvolve un paseo exclusivamente peonil que permite ó paseante interesado na natureza o coñecemento tanto da flora como da fauna existente nesta zona.

Te puede interesar