Opinión

Pazo de Canedo, Quintela

pazo_canedo_resultado
photo_camera pazo_canedo_resultado

Aevolución dos pazos ao longo dos séculos transcorreu de diferente maneira; así, durante os últimos cincuenta anos algún deles puideron gozar do beneficio da presenza dos seus propietarios, xentes fidalgas, que utilizaron as súas elegantes dependencias e edificios anexos: capelas, fontes, etc. para o seu uso exclusivo. Xa non era o pazo o centro da vida agrícola senon lugar de descanso, veraneo, espazo de celebración de festas e acontecementos sociais; nembargantes outros, pola contra, sufriron importantes e lamentables modificacións polo desproporcionado emprego de materiais alleos á primitiva construción: cemento, ladrillo, aluminio; convertendo as fermosas capelas, salóns e adegas en galiñeiros, graneiros ou antiestéticos garaxes para a garda tanto de vehículos particulares como de tractores agrícolas. Outros, os menos afortunados, sufriron dende fai bastantes anos o seu sistemático abandono por parte dos seus propietarios, o que ocasionou a invasión da maleza e a súa ruína. Por último, os mais afortunados, como o que hoxe comento, foron finalmente rescatados da súa incuria e, tras unha coidadosa e axeitada restauración, actualmente serven como reclamo de sedes de sociedades de ocio e cultura, restaurantes ou ben modernamente reconvertidos en casas de turismo rural. 

Algúns pazos actualmente serven como reclamo de sedes de sociedades de ocio e cultura, restaurantes ou casas de turismo rural

O pazo ou casa grande de Canedo sitúase entre a estrada Nacional 120 a Vigo maila provincial OU-0520, que partindo de Quintela conduce a Castro de Beiro. A grande edificación sitúase fronte á alameda. Ao edificio accédese a traveso dun gran portalón adintelado protexido por un pequeno tellado. Ten a planta rectangular formada por grosos muros de cachotería concertada ordinaria en sillería de granito unida por xuntas de cal. Posúe dúas alturas, que contan ca abundante presenza de fiestras rectangulares no primeiro andar, non así no baixo, a pano ca cara exterior do muro. Cóbrese o edificio con teito a catro augas protexido por tella do país. Exteriormente dispón dun patio interior con muro de peche de cachotería de granito. Son igualmente interesantes a existencia das solainas cubertas situadas ao lado leste e sur dotadas con escaleiras exteriores de acceso en granito.

A edificación dedicouse a diversas actividades comerciais ata súa axeitada rehabilitación por parte do propietario que actualmente a ten alugada como restaurante Pazo de Canedo. Conta con patios e xardín, ademais dun amplo espazo reservado para aparcamento de vehículos.

Te puede interesar