Pazo dos Oca Valladares

Pazo dos Oca Valladares

Poucos son os pazos e casas antigas de valor que actualmente se conservan en bo estado dentro do termo do concello de Ourense, tendo en conta a pobreza dos materiais construtivos empregados na súa construción en prexuízo da utilización da pedra, tan abundante e de calidade que existe nas proximidades da capital. Unha excepción o constitúe o pazo ou palacio que foi dos marqueses de Valladares, actualmente ocupado pola sociedade Liceo de Ourense.

Abundante son as referencias documentais existentes sobre os avatares construtivos e históricos referentes a tan singular edificación renacentista datada no século XVI, situada na céntrica rúa de Lamas Carbajal, a carón da igrexa de Santa Eufemia do Centro. Así por un deles, datado o día 30 de decembro do ano 1583, sábese que Álvaro de Oca e Sarmiento, señor da fortaleza de Celme, concertou con Antonio Díaz, de profesión canteiro domiciliado en Ourense, a construción e remate da fachada da súa casa situada na rúa Nova, obra que finalizará co remate dunha cornixa moldurada decorada con catro gárgolas eliminadoras das augas pluviais, polo que abonará ao citado canteiro a cantidade de sesenta ducados ademais de catro anegas de pan centeo de dous touciños (Cid, Cándido: Boletín de la Comisión de Monumentos. Tomo VIII. Ourense, 19...). 

O edificio construído en boa cantería sufriu importantes modificacións ao longo dos séculos que transformaron de xeito notable algúns dos seus elementos singulares primitivos, co engadindo de determinadas dependencias. Actualmente o edificio componse dunha sinxela fachada lisa formada por dúas plantas, aberta a baixa á rúa mediante unha interesante portada encadrada por pequenas columnas e decorada por un marco pétreo. No primeiro andar ábrense catro rectangulares fiestras protexidas por balcóns voados en pedra sostidos por ménsulas, sendo o central dentro deles o máis significativo pola decoración en arco carpanel existente na fiestra rodeado por cinco pedras armeiras pertencentes aos sucesivos liñaxes e matrimonios dos seus moradores, distribuídos simetricamente en torno á fiestra encadradas por un sinxelo alfiz. O balcón central loce uns interesantes balaústres decorados con rostros dos personaxes da época similares aos existentes no retablo do altar maior da Catedral de San Martiño, en Ourense. No interior do edificio destaca o espectacular e cuadrangular patio centrado por unha bonita fonte elaborada con mármore de Carrara, do que foi o seu autor o marmorista Daniel Piñeiro (Hervella Vázquez, Juan Andrés: Fontes Ornamentais de Ourense. Ourense, Deputación Provincial, 2011), situada estratexicamente nun elegante espazo que a modo de claustro, rodeada por columnas sustentadoras dunha decorada varanda pétrea renacentista situada no primeiro andar, na que se repite os motivos heráldicos existentes na portada: Deza, Enríquez, Oca, Sarmiento, Zúñiga, Mendoza, Ribadeneira, Ulloa e Aguiar (Lourenzo Fernández, Xurxo: Brasos de Ourense. Tomo II. Seminario de Estudos Galegos. Santiago de Compostela, 1932).

Trala ocupación do edificio pola sociedade no ano 1870 e a súa posterior compra, o 2 de febreiro do 1957, efectuáronse importantes modificacións e engadidos tendentes a dar un mellor servizo á sociedade.