Opinión

PONTE DA BURGA

A'Ponte Murallón das Burgas' naceu da necesidade de salvar a vaguada natural que drenaba as augas sobrantes procedentes dos mananciais de auga da Burga, situado por riba dun antigo camiño que, dende o núcleo histórico de Ourense, descendía cara a ponte Pelamios ou 'dos pelamios' para, unha vez atravesada, dirixirse cara a Celanova. No Real Decreto do día 30 de marzo do ano 1833 se aprobaron as obras da nova estrada a Castela, a denominada 'carretera'; nembargantes, ata 1880 no se acometeu o inicio da obra da ponte que cruzaba a vaguada das Burgas, dando remate a mesma, aproximadamente, no transcurso do ano 1887.


A construción civil viaria orixinal, pouco modificada dende a súa construción, a forma unha maciza ponte de cantaría granítica aplantillada en pedra, provinte das canteiras de Trasalba e Outariz. Consta de amplos muros de acompañamento perforados por tres arcos situados a diferente altura, todos eles de bóveda rebaixada e directriz circular con luces relativamente pequenas; así, os dous laterais son de 5,00 metros, namentres que o central é de 9,40. Os amplos muros de acompañamento, construídos igualmente en sillería de granito, son os usuais neste tipo de construcións datadas na segunda metade do século XIX. O recto taboleiro, duns 180 metros de lonxitude, ten unha pendente de 3,5 % en sentido descendente cara o xardín do Posío. O ancho inicial da calzada era de 7 metros, o que permitía a existencia de dous carrís circulatorios situados por riba do antigo lastrado, ademais de dispor de sendas beirarrúas pavimentadas con lousas de granito protexidas por unha artística varanda en ferro, sostida a tramos por basas en pedra, sobre a que se asentaban uns sinxelos farois de iluminación. Sendas escaleiras en pedra, situadas a ambos marxes da ponte, moi preto do colexio das Nais Xosefinas, comunican a rúa do Progreso ca zona do mercado maila Burga.


No ano 1990 acordouse a modificación da citada ponte para adaptala ás necesidades reais tanto do tráfico rodado como de peóns, sendo encargado de redactar o proxecto o enxeñeiro de Obras Públicas Fernando Villace Mariño. O obxectivo principal da obra era a ampliación da plataforma da ponte, co obxecto de aumentar o ancho circulatorio da calzada así como o de ambas beirarrúas, sempre condicionado polas escaleiras existentes, ademais do acceso á rúa de Desengano maila próxima ponte, tanto de entrada como de saída, á rúa de Doutor Marañón. Tralos pertinente estudios se executaron dous beirís exteriores acadando a vella plataforma un ancho total de 14,60 metros, o que permitiu a existencia en tres carrís de circulación ó que se sumou as dúas beirarrúas. De igual xeito se modificou a escaleira en pedra existente na banda da casa de baños substituíndoa, por outra nova voada executada en aceiro 'corten'. Tamén se rectificou a vella iluminación por outra máis efectiva, de corte clásico, formada por once farois de vapor de sodio, dunha potencia de 250 W, traballando a unha tensión de 220 voltios. O custo da modificación supuxo para as arcas do Estado un custo de 99.926.000 millóns das antigas pesetas, uns 600.000 euros actuais.

Te puede interesar