Opinión

PONTE LEBRÓN NO BARBAÑA

As vías de comunicación son elementos fundamentais para un correcto desenvolvemento tanto do comercio como da industria dunha vila ou cidade. A que sería co paso do tempo a capital ourensá, asentou os seus alicerces nun cruce de camiños rodeado por congostras e corredoiras que comunicaban e unían o primitivo núcleo urbano da incipiente vila cos pequenos núcleos rurais espallados no seu entorno. A maioría dos vellos camiños os enguliu o propio crecemento urbano; outros se transformaron en camiños reais que, co paso do tempo, deron orixe ás estradas actuais. Algúns deles tiñan que salvar bagoadas importantes, como os que atravesaban o río Barbaña, ou a do Loña e, a máis importante, a do Miño, mediante o concurso de diversas pontes, vaos de paso ou barcas.


O río Barbaña bordea polo oeste a parte máis baixa da cidade. Sobre este erguéronse dende a idade media diversas pontes: a Codesal, trasladada pedra a pedra ó pobo de Beiro; o dos Pelamios, esborrallado no ano 1947 por mor dunha riada; o de Vila Valencia, que unía a actual rúa de Irmáns Xesta co Mercado de Abastos; a da Fonte do Bispo ou de Portocarreiro; a de Ponte Pedriña, igualmente esborrallada por mor dunha enchenta ocorrida no transcurso do ano 1945 e substituído polo actual existente no Ervedelo, e, moi preto da desembocadura no Miño, o Lebrón. Así mesmo existían unha serie de pasais en pedra, mais ou menos estables, como o situado nos Ponxos, o do Pozo do Inferno ou da Molinera, todos eles na actualidade atópanse moi modificados tras a variación da súa estrutura arquitectónica orixinaria.


Con respecto á desembocadura do Barbaña no Miño cumpre subliñar o cambio do seu curso no tramo final. Así, se sabe que esta unión se efectuaba moi preto da ponte romana, a carón da capela dos Remedios, tras atravesar unha cativa ponte composta de cinco arcos actualmente cubertos pola cancha de deportes exterior do Pavillón. A causa da modificación do seu canle orixinario foi como consecuencia da ampliación do campo dos Remedios, así como as frecuentes retencións das augas do Barbaña encoradas tralo encontro co Miño.


No ano 1846, como consecuencia do medre da cidade cara o norte, e do tráfico mercantil do mesmo xeito, ca incomodidade de paso dos veciños da zona próxima o Campo dos Remedios, esixiron ó concello a construción dunha ponte que unise ambos marxes do río Barbaña. A nova ponte denominouse Lebrón, na honra do alcalde promotor da súa construción. Basicamente a obra consistía nun pontillón en pedra cunha varanda enreixada. O custo da obra foi de 3.400 reais, sendo o seu construtor o veciño de Rairo Cipriano Castro. A actual, do século XX, a forman dous arcos pareados sostidos por un forte piar central. Noutra cara, a situada a carón da rúa Francisco Lloréns, ó erguer o nivel da rúa tapiouse un dos arcos. O taboleiro circulatorio, de 40 metros de longo, se ergue a unha altura de 10 metros sobre o nivel do canle do río, sendo o seu ancho moi variable ó cubrir parcialmente a ponte. Dispón no centro dunha illa axardinada decorada cunha escultura metálica, 'Fonte Quente', do escultor Luís González-Xesta

Te puede interesar