Opinión

PONTE MAIOR

Ponte Romana, Ponte do Miño, Ponte de Ourense, Ponte do Terrón, Ponte Maior e Ponte Vella son os diversos nomes que, ó longo da súa prolongada existencia, designan a un dos monumentos civís e históricos máis importantes da capital das Burgas, catalogado actualmente como monumento nacional. Unha das tres cousas que mellor identifican a cidade de Ourense o constitúe a vella Ponte Romana, a construcción máis importante do imperio romano, atribuída ó emperador Trajano; nembargantes a rusticidade que aínda se aprecia nos piares e tallamares redondeados da súa base rexeita tal afirmación. Trazada sobre o Miño seguindo o ramal secundario da Vía XVIII, que comunicaba a cidade portuguesa de Braga con Astorga, esta magna construcción constaba de nove arcos, fechándose a súa construcción no século I d.C. As características básicas actuais, tralas diversas reformas sufridas ó longo dos séculos, as constitúen, dunha parte, a súa importante lonxitude (370 metros, tendo a luz do arco central 43,70 metros e 39 de altura), e doutra, o importante número de arcos oxivais, concretamente sete agás dous. Atopámonos diante dunha magna construcción en cadeira almofada nas pilastras que empregou como material constructivo o duro perpiaño provinte dunha cercana canteira de Reza.


A fábrica actual amosa un producto híbrido froito das variadas reparacións e reformas acontecidas ó longo do tempo, fundamentalmente a raíz do afundimento do arco maior, feito acontecido entre os anos 1432 e 1479. Unha atenta observación nos permitirá albiscar a parte romana situada nos alicerces, así como no arco ubicado preto do edificio coñecido como 'longoreiro', actual Oficina de Turismo da Xunta de Galicia; a baixo medieval, mesturada con achegas pertencentes ós séculos XVII e XVIII, nos arcos e reforzos dos piares, e, sobre todo, as que máis o alteraron aconteceron a finais do século XIX, cando se fixeron as obras de ensanche e adaptación para o paso da Carretera de Castilla, entre os anos 1871 e 1878, na que se suprimiron os dous arcos dos extremos co obxecto de eliminar a perigosa curva que tiña a estrada pola parte da cidade, xa que segundo un informe emitido polo concello: 'Nela se estrullaban os carros máis as dilixencias por mor do forte desnivel existente ente o cumio do ponte mailo tramo do seu inicio.'


Te puede interesar