Opinión

PONTE PAIOTA

Acidade de Ourense se atopa nun fermoso e fértil val atravesado polo vello río Miño. O Loña, nacido na terra dos afiadores e paraugueiros, Nogueira de Ramuín, aporta a súa limpa auga ao río máis caudaloso de Galicia, o Miño. Cercano se atopa outro afluente: o Barbaña, o máis cativo deles; nútrese das mansas augas provintes do val da Rabeda, en Taboadela, incrementadas pola aportacións de pequenos regatos nacidos no veciño concello de Barbadás para, unha vez atravesada de sur a norte a cidade de Ourense, depositar mansamente as súas augas na canle do pai Miño, moi preto do Pavillón Municipal de Deportes.


As diversas pontes sobre ríos e regatos son obras civís destinadas a salvar os vanos existentes entre ambas marxes, tanto para o cruce de caudalosos ríos como de arroios. Existen grande variedade de solucións arquitectónicas, de igual xeito que na composición dos diferentes materiais constructivos. A obra pódese compor dun só arco ou varios.


Por outra banda, non debemos esquecer igualmente aqueloutras formas máis sinxelas coñecidas como pasadoiros ou poldras, moitas delas existentes preferentemente no entorno rural.


A coñecida como Ponte Paiota, asentada na parroquia de Canedo, moi preto do pobo de Eirasvedras, se sitúa no Camiño Real de Ourense a Pontevedra. Trazada sobre o regato do Porto e construída en sillería de pedra, posúe un só arco de medio punto, cun vano de luz de 3,7 metros, acompañado dun muro corrido duns catro metros aproximadamente.


Constitúe un bo exemplo neste tipo de construccións populares rurais, datada a cabalo entre os séculos XVII e XVIII. No centro se abre o arco de suxeición da propia estructura e, por riba, se desenvolve unha empedrada calzada cun ancho aproximado de 2,5 metros.


A situación da ponte, en mal estado de conservación, no medio dunha tupida vexetación que rodea ao río, presta gran relevancia ao conxunto, creando un ambiente silente propiciatorio para o descanso máis o relax dos visitantes que acoden a este fermoso lugar na procura de sosego. Non é estraño por elo a constante presencia de grupos de amigos da natureza que elixen este lugar como paseo ou ruta preferida para os seus percorridos sendeirísticos.

Te puede interesar