Opinión

PONTE REGUEIRO SOBRE O REGATO DE ERVEDELO

Situado baixo o viaducto de acceso centro da autovía A-52 cara a entrada ou saída da cidade de Ourense, no límite da rúa Isaac Piñeiro Varela mailo inicio da Pena do Vao, moi próximo ao pobo de Reza, no trazado da estrada autonómica OU-402 que une a cidade das Burgas con Cortegada, se atopa esta pequena mostra da arquitectura civil viaria, ergueita sobre o coñecido como regato de Ervedelo.


Realizada no ano 1776, nos tempos da Ilustración, baixo o reinado de Carlos III, é unha obra de autor descoñecido. Toda ela ergueita en perpiaño provinte da cercana canteira de Reza, consta dun só arco en cadeira de medio punto, principal elemento de resistencia da ponte. Ten unha luz duns dous metros dende a clave por uns seis de altura dende o arco ata a pequena canle formada polo curso do regato. Por riba transcorría noutrora un estreito taboleiro de paso, moi modificado na actualidade polas esixencias do moderno tráfico, que obrigou a modificar o seu ancho do mesmo xeito que a reforzar os apoios das dovelas do arco así como o muro de sustentación dos paramentos, a base da cubrición dunha das súas caras exteriores mediante unha capa externa de formigón.


A edificación actualmente presenta un laxante estado de conservación no que corresponde á primitiva obra; así, destaca de xeito notable o feo encanamento cilíndrico horizontal situado por riba da clave do arco que, modestamente, tento reflectir no debuxo. Outro tanto podo dicir da calidade da auga do propio regato, provinte dos montes de Ervedelo, contaminada e fedenta a causa do abandono total de ambas marxes, que unha vez atravesada a estrada por baixo da ponte, atopa o seu derradeiro encontro co Miño, fronte as populares termas da Chavasqueira.

Te puede interesar