Opinión

PONTE VANGUARDISTA

APonte do Milenio é a última e máis novidade achega arquitectónica de finais do século XX con que conta a cidade de Ourense. Naceu da necesidade de seguir unindo ambas dúas parte da cidade, separadas dende sempre pola presencia do, noutro tempo, caudaloso río Miño; necesidade que se fixo urxente tralo razoable e obrigado peche ó tráfico rodado da vella Ponte Romana.


Nos últimos meses do ano 1998, tralo informe do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, atraveso da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, convocou un concurso público co fin de seleccionar un anteproxecto para o deseño, construcción e execución desta nova quinta ponte sobre o Miño.


A obra adxudicouse a UTE (unión temporal de empresas) formada por OCA e ACS na cantidade inicial de 9.327.707,86 euros, 1.552.000.000 das antigas pesetas. Con posterioridade as adxudicatarias, á súa vez, a subcontrataron a unha trintena de empresas que, de xeito conxunto, executaron a totalidade da obra.


O criterio para o deseño da ponte para o novo milenio se baseou en tres factores principais: eficacia estructural, economía e estética. A eficacia acadouse mediante a correcta integración dos diferentes compoñentes constructivos constituíntes da ponte, perfectamente conxuntados e integrados entre eles, o que permitiu acadar solucións orixinais, perfectamente compatibles e económicamente viables.


Por outra banda, a atraínte silueta, indiscutible e certamente orixinal nesta salientable e magna construcción viaria, foi froito do traballo dun destacado e numeroso grupo de especialistas, comandados polos arquitectos Álvaro Varela de Ugarte e Juan María Calvo, que conxuntamente deseñaron este sistema estructural puro con formas xeométricas precisas, logrando a prestación dun sistema evidentemente de carácter práctico.




A sinuosidade do perfil adopta unha estructura de carácter antropomorfo, encaixado na cunca do propio río. Tamén resultan especialmente significativas as liñas curvas nas que se acochan unhas escaleiras que permiten a subida e baixada do sorprendido paseante, ante a contemplación dunha abraiante vista panorámica sobre a cidade de Ourense.


A novidosa Ponte do Milenio acada unha lonxitude total de 230 metros entre ámbolos apoios dos estribos, sendo a súa anchura de 23, distribuídos entre a medianeira central, os dous carrís de circulación en ambos sentidos máis as correspondentes beirarrúas. O taboleiro se sostén mediante unha serie de tirantes de aceiro suxeitos por sendas columnas inclinadas. Resulta destacable o impresionante sistema de iluminación que permite ver o contorno da ponte pola noite.


A nova ponte, conxuntamente ca súa veciña romana, constitúe un dos símbolos identificadores da cidade de As Burgas.

Te puede interesar