Opinión

PONTES EN MENDE

Orío Loña, na súa cabeceira, descorre por Loñoá do Monte, pertencente ó Concello de Nogueira de Ramuín, para axiña entrar nas veciña terras de Pereiro de Aguiar. Entre As Chairas e Lombo, a unha altura de catrocentos metros, as limpas augas se represan no pequeno e pouco profundo encoro de Cachamuíña para, logo, chegar ata a presa de Castadón, situada a unha altura do leito de 250 metros.


Dende este punto cara a confluencia co Miño, na periferia da cidade, o desnivel do río Loña é acusado e especialmente tortuoso, sobre todos nas terras de Tibiás e Mende. Na aba do Castro de San Tomé, os sedimentos que arrastra o río, ocasionan unha forte erosión no substrato pétreo do leito escavando nas rochas unha peculiar morfoloxía coñecida co nome xenérico de 'paleiras' ou 'marmitas'. Xa atravesando o pobo de Mende, a pouco o río rende ás súas augas no Miño.


En Galicia, país dos mil ríos, cun relevo tan variado e accidentado, cumpre salvar os desniveis mailos pasos das correntes de auga mediante a ergueita tanto de pontes como de pasais, construídos en ferro, lousa, pedra ou madeira, constituíndo fermosos exemplares arquitectónicos ergueitos, tanto durante a dominación romana como nos nosos días.


As pontes admiten unha grande variedade de solucións arquitectónica adaptadas ás necesidades reais do obxecto a salvar. Os pasais, pontellas ou pontes se forman mediante unhas pedras verticais, soportes, bases ou cepas, xeralmente ben chantadas sobre o terreo e perfectamente adaptadas para soportar as crecidas.


A sinxela ponte de Mende, situada nunha zona recreativa fronte o grupo escolar, a forman catro chantas ou piares verticais que sosteñen unha longa estreita calzada de cemento. A ámbolos lados unha varanda de ferro protexe o paso exclusivo, tanto de peos como de animais.


A escasos metros da anterior, augas arriba, se ergue outra ponte sostida por doce piares verticais formados por sillares en pedra granítica, que soportan un empedrado taboleiro que da servicio a un antigo camiño medieval.


Recentemente co galo no incremento de tráfico de vehículos na zona se ampliou o ancho do mesmo mediante o acoplamento dun antiestético e pouco logrado reforzo de ferro que, dende logo, desvirtúa enormemente este fermoso exemplar representativo de obra civil, datado nos encomezos do século XX.

Te puede interesar