Opinión

Praza dos Rosais

A orixe do xardín tal e como hoxe o coñecemos ten a súa base na agricultura, de xeito concreto no cultivo dos cereais: trigo, centeo, cebada. A preparación do terreo para a recepción da semente, ao igual ca necesidade de dispor dun espazo libre de árbores, veuse a sumar a técnica baseada na recolección da colleita, ademais de tomar determinadas obrigas cara á protección do espazo de labra mediante o emprego de cerramentos. Por outra banda, a inesquecible presenza da auga permitiu a viabilidade da explotación que, co transcurso dos anos, deu paso ao desenrolo do xardín tal e como se coñece na actualidade.

León Battista Alberti (1404-1472) humanista e arquitecto escribiu: “El jardín debe de estar al servicio de la salud y del disfrute”. Desta premisa xurde a necesidade do desenrolo e conservación deste importante sector relacionado co lecer.

A populosa barriada coñecida como Os Rosais, na cidade de Ourense, constitúe un importante sector urbanístico dentro da urbe, nacido a calor dos asentamentos sanitarios existentes na zona.

A praza dos Rosais, dunha extensión aproximada duns 700 metros cadrados, atópase cinguida na súa totalidade por bloques de vivendas situadas entre as rúas Monte Boa Madre, Monte Aguioncha, Serra de San Mamede e José Antonio Nieves Conde. No seu interior atesoura un cativo pero ben coidado parque distribuído entre catro parterres de forma xeométrica irregular, centrados por un espazo cadrado ao que se accede mediante catro rectangulares zonas de pasos. Nun dos laterais atópase unha sinxela fonte pía decorada cunha vieira. O parque inaugurouse no mandato do alcalde socialista Francisco Rodríguez Fernández, o día 6 de novembro do ano 2009.

Abeto bermello, da familia das árbores perennifolias; árbore de Santo Outelo, das caducifolias, e pensamento, herba anual ou perenne, comparten o espazo dos parterres centrais, namentres que exemplares como o alfaneiro chinés, pequena árbore pertencente aos perennifolias, conxuntamente ca malva real, cinguen a totalidade perimetral do pequeno recinto axardinado.

Te puede interesar