Opinión

TRADICIONAL BELÉN NO LICEO

Non podería ser menos. Un ano máis, o xa popular traballo da Asociación Belenista de Ourense se expón para todos os ourensáns na vedraña sociedade liceista ourensán. O Pesebre é unha das xenuínas mostras da fe cristián, non sendo estraño por elo as múltiples representacións por diversos medios do Misterio ao longo de toda a nosa provincia.


José Davila, auxiliado por algún dos compoñentes da asociación, nos presenta nesta ocasión o Nacemento de Xesús, un traballo catequístico artesán ambientado na paisaxe bíblica palestina. Un total de 22 variadas figuriñas, de diferente tamaño, elaboradas polo mestre xerezano Joaquín Pérez, confeccionadas en arxila policromada e feitas a man, retocadas posteriormente a palillo, se distribúen ao longo e ancho de toda a superficie expositiva. Nun primeiro plano destaca o Pesebre, cunha Sagrada Familia de carácter moi peculiar; así, o cativo Neno Rei se chupa un dedo. Resulta igualmente conmovedora a composición formada pola triple figura dos altos Reis Magos que, montados nos seu respectivos camelos, se dirixen cara o Portal. Unha fermosa fervenza apura o paso dos personaxes cara o seu obxectivo a traveso dunha paisaxe bíblica deserta.


No último plano aparece unha representación da fuxida da Sagrada Familia a Exipto, que ten como decoración de fondo as típicas e brancas casas xudías existentes na época histórica do transcendental acontecemento. Gerónimo de Vicente, un eterno namorado belenista, aporta a súa peculiar axuda a esta singular obra de arte cun cativo pero fermoso óleo, desgraciadamente non moi visible.


Por último, un adecuado conxunto de luces e sombras proporcionado por un distribuído e oculto equipo de iluminación, apoiado pola aportación enriquecedora sonora do canto do galo mais o choro dun neno, completan este fermoso e popular traballo, ó que acompañan unhas belas mostras dos beléns do mundo; todo elo exposto para o deleite de todo o público que se achegue nestas datas tan entrañables ó salón nobre do Liceo de Ourense.

Te puede interesar