Opinión

TRIBUNA | Pazo ou casa grande de Varela de Limia, en Reza

hervella_perfil_resultado
photo_camera hervella_perfil_resultado

A dos quilómetros da cidade de Ourense e incluso dentro da propia urbe existen construcións nobiliarias destacadas; estoume a referir á existencia dos pazos ou casas grandes, noutro hora residencia da fidalguía; así no termo do concello ourensán atópanse diversos pazos asentados nas aldeas veciñas que, dalgún xeito, quedaron atrapados na rede das arterias viarias periféricas sen que a administración os incluíuse dentro da demarcación ourensán. 

O cercano pobo de Reza ofrece bos argumentos arquitectónicos para unha instrutiva visita; así a igrexa parroquial de Santa María, considerada como unha xoia da arquitectura relixiosa, constitúe un bo exemplo, atopándose ao seu carón a casa reitoral belamente decorada cos escudos dos Núñez e Prieto; ase mesmo non debemos esquecer a visita aos dous importantes pazos existentes na zona, ambos de titularidade privada, o de Deza mailo seu veciño Varela de Limia. 

A Casa Grande ou pazo de Varela de Limia, construída no ano 1750, segundo consta nunha inscrición no muro da fachada, constitúe un bo exemplo de edificación paceña rural a pesares das múltiples modificacións sufridas efectuadas polos sucesivos propietarios que modificaron de xeito notable os antigos elementos arquitectónicos por outros máis modernos que desfiguraron ou desvirtuaron o verdadeiro sentido do pazo; pese a elo aínda na actualidade conserva a vella extructura de parte da edificación orixinal, como o confirma a existencia dun patio exterior totalmente empedrado que da acceso a unha das fachada cuberta sostida por cilíndricas columnas rematadas en interesantes e diversos capiteis; o mesmo ocorre ca outra fachada, situada cara o norte, á que se accede ao primeiro andar mediante a alta escaleira de pedra. Nesta ampla planta ábrense diversas fiestras belamente decoradas con arcos carpanel acompañados no interior por curiosos “parladoiros” Muros de cachotería e sillería de granito compoñen os elementos exteriores do edificio cuberto a dúas augas por tella o país. Resulta igualmente interesante, pese ao seu abandono, a pequena edificación dedicada, no seu día, a capela que luce por riba da súa portada un interesante e grande escudo nobiliario coroado con cimeira. Todo o edificio aséntase nunha ampla finca, dividida entre varios propietarios, orientada en dirección Sur – Norte, atopándose rodeada por un groso muro en pedra, aberto na súa parte sur por un grande portalón decorado cun amplo escudo. Sobre o lintel do mesmo corre unha inscrición que literalmente di: “Lo mando hazer D. Alonso de Mira Feijóo Enríquez Pérez de Novoa Sotomaior. Ano 1755”. Outro dos acceso ao pazo o constitúe unha moderna portada adintelada situada preto da estrada autonómica OU-402, decorada  con dous escudos cuarteados.

Características:

Situación: 42º21´00.9”N 7º53´25.9W 42.350250, -7.890528

Datos: Construción barroca do século XVIII, moi modificada.

Características: Construción de corta altura en pedra granítica, de planta irregular formada por varios volumes, con patios entre eles, adaptada á vida rural con grande finca anexa actualmente moi dividida entre varios propietarios.

Elementos destacados: Patio empedrado, pequeno hórreo, capela, mina e pozo de auga, interesante adega con grande e vellas pipas e diversos e vellos utensilios, dignos dun museo, relacionados co campo, ademais de sensos portalóns de acceso decorados con escudos nobiliarios (1).

Escudos: Portalón finca: Enríquez (Castelo/León) Novóa (Aguia sobre castelo), Ojea (Lúa minguante entre estrelas) (Árbore con raíces) e inscrición. 

Capela: Rivera ou Gayoso (Tres franxas) Cardóniga (Barco sobre ondas) Enríquez (Leóns empinados, coroados e castelo) Guntín (Cabaleiro tocando trompeta) (Varios puñais ou espadas), Gayoso (Tres Peixes). Portada acceso pazo: Novoa (Aguia sobre castelo)  (Árbore con raíces) (Animal sen identificar), Ojea (Lúa menguante con cinco estrelas) (2).

(1) Informantes: Rodríguez Laneiras, Rosario e Vázquez, Manuel, propietarios.

(2) Crespo del Pozo, José Santiago.: Blasones y Linajes de Galicia. Volumen I. Publicaciones del Monasterio de Poyo, 1982.

Te puede interesar