Opinión

VELLE, ENCORO URBANO

Moitos son os ríos de Galicia. Hai quen di que existen uns dez mil espallados tanto ao longo como ao ancho de toda a nosa xeografía. Os hai moi modestos, como os regatos, regueiros, regachos... en definitiva, pequenos cursos de auga, e propiamente os denominados como afluentes, que aportan a súa auga a outros ríos maiores. A realidade é que non existe un val en Galicia, por cativo que este sexa, que non conteña o seu propio curso de auga que, á súa vez, alimente a outro maior ou, pola contra, corra directamente cara o seu encontro derradeiro co mar.


O Miño é por excelencia o río más importante de Galicia; así tras discorrer 340 quilómetros bañando as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, nesta última facendo fronteira ca veciña Portugal, entrega mansamente as súas augas no Atlántico, no belo estuario situado entre Caminha maila Guarda.

Falar da explotación dos encoros existentes nos ríos galegos implica remontarse o ano 1943, ca constitución da sociedade galega Fuerzas Eléctricas del Noroeste “Fenosa”, por parte do seu principal impulsor e primeiro presidente, don Pedro Barrié de la Maza, quen baixo a premisa“dun aproveitamento racional da explotación e aproveitamento dos excelentes recursos hidroelécticos de Galicia” iniciou a explotación hidroeléctrica na nosa comunidade.


O encoro de Velle, o terceiro máis cativo dos existente no leito do río Miño dende o seu nacemento, ergueuse na cercana parroquia que lle da o nome, moi preto da cidade de Ourense, no ano 1966. As súas características máis salientables son a pequena potencia instalada, cunha producción media anual duns 247 MWh. A presa é das denominada de gravidade con trazado curvo, cunha lonxitude de coroación de 125 metros. Por riba da mesma descorre una estreita estrada que, a modo de ponte, pon en comunicación ambos marxes do río. Se acompaña a ambos lados de sendas varandas de protección, e miradoiros a unha altura máxima sobre a base de tan só 26 metros, sendo o volume total de capacidade do encoro duns 17 Hm3 para un caudal medio aproximado duns 260 m3/seg (Torres, M. del Pilar: Os Embalses de Galicia. Fundación Barrié de la Maza. 1996).


A situación pouco favorable, coa escasa profundidade maila proximidade do trazado da vía férrea con destino a Monforte polo marxe dereito, non permitiu unha grande superficie asolagada, polo que o espacio cuberto polas augas ocupa escasamente unhas 260 hectáreas, que se reparten entre as parroquias de San Miguel de Melias, San Eusebio da Peroxa, San Xulián de Rivela, en Coles, ademais de Santa Cristina, en Vilariño; Santa María de Melias, en Pereiro de Aguiar, chegando a cola represada ata as terras pertencentes os concellos de Nogueira de Ramuín e A Peroxa, cun total duns 16 quilómetros de desenrolo.

Te puede interesar