Opinión

VIRXE DO CRISTAL

A vila de Vilanova dos Infantes, pertencente o Concello de Celanova, é un pequeno pobo de orixe medieval agrupado ó redor da súa torre do homenaxe, resto do poderoso castelo pertencente, no século XVI, ó conde de Monterrei. Moi preto de vila, a carón da estrada autonómica 540, que comunica a vila de San Rosendo ca capital, no Cristal, se atopa o barroco santuario no que se venera a imaxe máis cativa do mundo, exposta no interior dun cilindro ou pequeno globo de cristal, atopada por unha pastora do burgo no transcurso do ano 1650. Hoxe, día 15 de setembro, terá lugar puntualmente en Vilanova, como tódolos anos, a festividade máis grande da vila, na honra da Nosa Señora do Cristal, tralo que se pecha o ciclo mariano na provincia de Ourense.


A popularidade da diminuta pero entrañable e querida imaxe foi exaltada no fermoso poemario escrito polo noso grande escritor celanovés Curros Enríquez. Nel se recolle o milagroso achado da cativa imaxe a mediados do século XVII.


Todo aquel que queira examinar de cerca esta reliquia o poderá facer no transcurso da solemne procesión dende o seu santuario cara a praza de Víctor Ferro, onde se desenrola o piadoso acto do 'encontro' entre a representación da Nai de Deus mailas sendas imaxes de san Roque e san Sebastián, todo elo en medio dun forte e fondo simbolismo relixioso. É de destacar, no transcurso da gozosa procesión, de xeito concreto no lugar coñecido como 'Barronca', á altura da imaxe pétrea do Cristo, o cambio de cor do manto da Virxe en sinal de alegría, en opinión duns veciños, pola visita ó pobo no día da súa festa, ou, segundo outros, pola eliminación dun terrible angazo de peste gracias a intervención divina da Nosa Señora.


A multitudinaria romaría do Cristal constitúe un verdadeiro referente mariano na comarca de Celanova. Nela se mesturan tanto representacións lúdicas como relixiosas, ambas fortemente enraizadas na idiosincrasia do noso pobo.

Te puede interesar