Opinión

Zona arbolada no Polvorín

Apartir do ano 1939, coincidindo co período final da guerra civil, se desencadeou unha euforia construtiva en España, xurdindo urbanizacións de tipo económico (“casas baratas”) impulsadas polo goberno franquista.

Na hemeroteca La Región conservanse exemplares do noso xornal, de xeito concreto o do día 3 de abril do ano 1956, que recolle o acto inaugural do grupo de vivendas “Santa Bárbara”, formado por catro grandes bloques máis un grupo de casas pequenas, construídas pola Organización Sindical del Hogar, no barrio do Polvorín, sobre o solar ocupado antano por un vello polvorín.

Segundo o xornal, o acto inaugural celebrouse na praza do Alzamiento Nacional da nova barriada, e contou ca presencia do xeneral gobernador da cidade do Sacramento, Lugo, Juan Noreña Echevarría, quen representaba o capitán xeral da VIII Rexión Militar, acompañado polo alcalde da cidade das Burgas, don Domingo Saavedra, gobernador civil, mailas diversas autoridades. Trala obrigada e solemne bendición se realizou unha visita ás novas vivendas descubríndose placas que deron nome ás principais rúas da barriada: Caídos de la Falange, Mártires de la Tradición, Héroes del Ejército e Primeiro de Abril, nomes todos eles moi relacionados ca guerra civil.

O terreo elixido como asentamento das vivendas foi un amplo solar triangular rodeado de pequenos espacios verdes, situados tanto no lado oeste como no norte, actualmente moi remodelados, na proximidade do río Barbaña mailo Regato do Muíño. Este último espazo foi utilizado como secador da roupa das mulleres que a lavaban no río, solar, na actualidade, compartido polo Parque Infantil, erial máis unha cancha deportiva dedicada á práctica do baloncesto.

Foi no ano 1984, ante o notable crecemento experimentado pola barriada maila súa periferia, cando a Área de Parques e Xardíns do Concello de Ourense elaborou un proxecto de rehabilitación integral do espazo verde en torno das vivendas, así como a creación do citado parque infantil actual, sendo o enxeñeiro técnico de xardíns e xefe de servizo Francisco Javier López Pérez, mailo delíñante proxectista Jorge Abadín Pérez, os autores do mesmo. Pecháronse os parterres situados en torno ó bloque con sebes, enriquecéndose ó mesmo tempo ca plantación de novas especies, conservándose a vexetación arbórea existente. Na zona do parque infantil crearonse dous espazos diferenciados para os máis cativos, dotados de columbios e balancíns, e eliminando o espectacular robot tobogán que creara máis dun problema polo atranco de algún rapaz.

Plátanos de sombra, algún deles centenario, moreiras, cactus combinados con diversas especies de herbas bulbosas, protexidos por sebes de arbustos caducifolios, berberis thunbergii, compoñen estes espazos circundantes ás vivendas, na actualidade sometidas a un proceso de rehabilitación integral baixo o patrocinio do Ministerio de Vivenda, o Concello de Ourense maila Xunta de Galicia.

Te puede interesar