Opinión

A beleza do simple

A pesar de que o tempo principiaba a deixar as súas pegadas no territorio santo daquel rostro de muller, as súas fazulas sutilmente rosadas, coma se fosen pequenos anacos dun pano de seda fina, aínda conservaban o tacto suave que o engaiolara dende o instante en que a coñecera, había xa uns anos. O gran inquisidor, malia que tende a reclamar o que considera que por dereito lle pertence, non sempre consegue o botín completo ou, cando menos, ás veces non lle é tan doado. Para Solovio negar esa evidencia, fronte aquela preciosa faciana, era unha cuestión tan seria como pretender emendar a Luca de Tena e afirmar que Deus, por ser absolutamente infalible e perfecto, só escribe con liñas dereitas.

Asemade a sinxeleza constitúe unha das fontes das que emana, como auga nidia e pura, ese fato de emocións que nos proporcionan o que alcumo como a recompensa dos intanxibles...

A vida de cada quen, principiou a falarlle docemente despois de sorber un grolo do café cortado, componse de pequenos momentos vertebrados case sempre arredor de cousas sinxelas e simples. Decote son estes os intres perfectos para compartir vivencias intensas con quen queres ou fixar os carácteres que definen a túa forma de vivir tal e coma a desexas, ou ambas as dúas cousas a un tempo. Asemade a sinxeleza constitúe unha das fontes das que emana, como auga nidia e pura, ese fato de emocións que nos proporcionan o que alcumo como a recompensa dos intanxibles, díxolle Solovio mentres seguía a acariñar co dorso do dedo índice o seu rostro. Constitúen un tempo e unhas accións non monetizadas no eido do material porén si cotizan alto nese outro mercado moito máis humano e natural: o das persoas e a súa capacidade de sentir. Adoitan seren agasallos espontáneos que o din todo e non custan máis que o pequeno esforzo de ler con sinceridade as grafías escritas no pergamiño do ar, coa pluma dos beizos e a tinta que bombea cada latexo dun corazón namorado: quérote, meu amor. 

A vida de cada quen, principiou a falarlle docemente despois de sorber un grolo do café cortado, componse de pequenos momentos vertebrados case sempre arredor de cousas sinxelas e simples.

Compartir un café fumegante mentres observades como fóra cae a choiva ou seguides, entre risas, caricias e apertas, esa competición que, no cristal luxado da fiestra, establecen entre si unhas poucas pingas de auga, co gallo de chegaren primeiro e obteren o premio de disolverse no charco rectilíneo que se forma, paseniño e marcial, no marco de aluminio. Darlle un bico furtivo e profundo nun canellón como estratexia non calculada para rematar unha discusión absurda e daniña. Agasallala cunha flor roubada a unha beiravía en metade dunha viaxe pola estrada, estreita e chea de curvas, da incerteza e a dúbida existenciais. Pasear baixo a auga dunha pequena treboada de verán no Ribeiro e sentir que a humidade pode ser o mellor adhesivo que hai. Aparecer de súpeto só para dicirlle, cunha man pousada no corazón e a outra suxeitando a súa, que queres que conte contigo sempre: estou aquí para ti, cariño. Velar o seu sono ou espertar en metade da noite para bicar as súas costas só pola tenrura que che transmite o seu corpo espido e indefenso ante un pesadelo.

Constitúen un tempo e unhas accións non monetizadas no eido do material porén si cotizan alto nese outro mercado moito máis humano e natural: o das persoas e a súa capacidade de sentir.

Valorar a sinxeleza das cousas é unha das grandes lecturas que tirei de toda a época de penurias, pequerrecha, díxolle Solovio mentres repasaba coa man a súa melena lisa e coidada. Quizais por este motivo adoro o aroma da lavanda, por que é un dos recendos que conduce a miña memoria aos tempos ledos e inocentes da nenez, cando gozar das cousas cativas era doado e sinxelo. A vida é moito máis fácil do que pensamos, reafirmouse Solovio, e a felicidade atópase no familiar, no achegado e no simple; small is beautiful, lembroulle. Por iso prégoche que me deas un cativo intre de paz e me fagas feliz. Arestora, entendes os meus pequenos momentos?, es quen de interpretar os meus cativos silencios fronte a ti?

Te puede interesar