Opinión

Á calor da friaxe

Aquela noite fría de inverno ourensán, Solovio séntese con gañas de atopar explicacións. Ó abrigo dunha botella de Ribeiro, degustada no salón dun piso en Ourense diante dunha cheminea na que as lapas crecen alimentadas polo bioetanol, lembra os tempos de estudante de Veterinaria en Lugo, daquelas, cidade aínda enxebre. Recorda que, cas necesidades esenciais cubertas, vivía nun piso compartido que se erixiu no escenario perfecto para unha experiencia prístina de aprendizaxe sobre a tolerancia e a convivencia. O parrulo fuxira do niño materno por vez primeira co gallo de enfrontarse a un exercicio de responsabilidade a desenvolver ó abeiro da obriga moral de comeza-lo camiño que o conducise cara o futuro.

Polas noites víase decote unha luz acesa na Rampla de Claudio López. Eran uns momentos de duro estudo mais tamén de grave meditación para a concepción de proxectos, de soños e máis de ideais, daquela, aínda inocentes e inmaculados. No interior do inmoble repetíanse a diario escenas dunha loita encarnizada ca intratable Anatomía animal; sandábanse as feridas derivadas de desenganos amorosos adolescentes ou debuxábase o bosquexo dunha primeira toma en conciencia do concepto transcendental de Galicia. Responsabilidade, sentimento e identidade; tres verbas que constituían a tríade intanxible que o guiaba no acto subconsciente de erixi-la arquitectura dunha personalidade que fose quen de goberna-lo temón da súa nave durante o traxecto vital que lle cumpría percorrer.

Hoxe en día, matinando no salón dun piso no centro dunha Auriabella en seria decadencia, non se avergoña dos seus soños adolescentes; porén, admite que a crúa realidade rematou por impoñerse. Tentou ser piadoso consigo mesmo e preguntouse: quen, con esa idade, non soñaba con conquista-lo mundo? Co recendo dunha copa de treixadura coma guieiro, Solovio foi consciente de que naqueles tempos mozos nacera todo; caeu na conta de que aqueles anos constituíran o berce onde arrolou as súas inquedanzas; o prato co que alimentou as súas arelas e o punto de nacemento do xermolo da súa personalidade. Agora ben, o tempo e as vivencias posteriores conducírano de xeito inexorábel a facerse forte no seu mundo interior, a erguer unha fortificación conservadora na que defenderse das agresións dun mundo materialista que non lle acaía nada ben. Foi así como decidira erixir unha fortaleza interior deseñada para salvagarda-la súa propia integridade persoal; un espazo no que gozar da súa liberdade e, ó tempo, un lugar onde vivir somerxido nas profundidades da súa intrahistoria. Velaí o nacemento da lenda dun suposto corazón de xeo, o asentamento dos alicerces dun edificio de carne e óso nutrido, seica, polo mantra da frialdade. Era a prehistoria do Castellum honesti.

Había catro anos, durante aquel confinamento imposto, impulsado polo medo á perda da súa cativa vida en liberdade, Solovio acordara reencontrarse e, coma corolario, mostrarse tal e como era. Canso de soste-lo escudo que construíra ó seu arredor, resolvera derrete-lo xeo que o cubría e quece-lo seu corpo para afasta-lo da friaxe de tantos anos. Por tal motivo, recuperou a súa historia e alimentou a súa autoestrada de liberdade; por iso, venceu os seus medos ó tempo que verteu tódolos seus pensamentos cara ó infinito a través dunha pequena bufarda virtual. Hoxe, no salón da súa casa, ó abrigo dunha copa de Ribeiro e fronte ás lapas artificiosas do bioetanol, sentíase orgulloso de ter conseguido ser el mesmo e mante-la súa integridade persoal...; e máis de, por fin, ser quen de expresar toda a capacidade de amar que posúe.

Te puede interesar