Opinión

A escola de calor

Aínda prostrada nese leito enfermo semellas unha raíña, dicíalle o rapaz mentres acariñaba aquela man débil, murcha e con indicios dunha urxente sede de agarimo. Unha xungla de tubaxes, agullas, vías, vendas e apósitos, conformaban a rede sobre a que caera o peso case morto daquel intento de suicidio frustrado.

Era o verán de 1984, coma quen di, hai xa unha eternidade. Que noite a daquel ano!, resumira logo Miguel Ríos nunha canción. Había pouco que nas rúas das cidades conviviran os sons de Liberdade sen ira de Jarcha coas carreiras diante da policía, os botes de fume e os paus repartidos a esgalla. Polas mañás as ringleiras con centos, talvez milleiros, de persoas na procura dun posto de traballo medraban con cada xornada; coma obreiras silandeiras e taciturnas, situadas con orde unha tras outra, agardaban a súa quenda para tenta-la sorte no triste formigueiro do Inem. Era unha postal que representaba o preludio de moitos luns ao sol, coma na película de León de Aranoa.

Polas noites triunfaban as movidas xuvenís en Madrid e Vigo. A mocidade deglutía a liberdade con grandes bocados, non investía tan sequera un segundo en gorentar polo miúdo aquel prato novidoso e o resultado foi que algúns, demasiados, quedaron polo camiño. Do Rock Ola ao Kremlin; de Radio Futura e Alaska a Siniestro Total e Aerolíneas Federales. Paro e diversión; fame e copas. Ollado coa perspectiva que dá o tempo, era o paradoxo dunha sociedade que sempre fixo dos veciños os mellores aliados para xustifica-los seus males. Metáfora da dialéctica controlada entre Laín Entralgo e Calvo Serer, reminiscencias obrigadas da polémica entre a España como problema e a España, sen problema.

En Ourense algúns desenvolviamos un exercicio de mimetismo a partir das historias que nos chegaban dos dous foros de diversión. A zona vella principiara o seu particular proceso de reconversión: das tabernas aos pubs, dos viños ás copas, dos petiscos aos “picos”. A tradición e a modernidade convivían sobre as táboas dun escenario histórico deseñado con base no granito, a rocha simbólica e esencial de Galicia no dicir de Otero Pedrayo.

Coñecéraa aquel verán grazas a unha amiga común e axiña caeron na conta de que tiñan as mesmas preocupacións sociais e uns problemas existenciais semellantes. Xurdiu entre eles unha mestura de conexión e complicidade, e algúns bicos roubados. A luz escintilante daqueles ollos cativárano mentres escoitaban como Santiago Auserón narraba historias baixo o influxo da Escola de calor. Aquilo foi un fuxir da superficialidade na conversa, unha historia construída coa forza de latexos que collían un ritmo endiañado. Tempos de soños e utopías. Bendita inocencia. 

Que pasara? Non o pode lembrar, non o quere lembrar; quizabes é mellor non o lembrar. Solovio sentíase unha vítima propiciatoria sacrificada no altar dos tópicos castizos dunha sociedade, “a boa sociedade”, alicerzada aínda en arquetipos prehistóricos verbo das potencialidades malvadas da conduta humana. Malia seus esforzos resultoulle imposible esquece-lo xa que o subconsciente é traizoeiro e mais cruel. Tarde de urxencias; perigo de morte; resurrección. Na sala de agarda daquel hospital de provincias un neno de case dezasete anos derramaba bágoas sentidas dende o máis fondo dun corazón aínda sen endurecer. Malia aquela xungla de tubaxes, agullas, vías, vendas e apósitos, ela semellaba unha raíña. Ficou unha moi boa amizade entre eles, case unha complicidade perfecta. Ningún dos dous sentiu a necesidade de lembra-lo que ocorrera, endexamais volveron falar daquilo.

Te puede interesar