Opinión

A poesía do Ribeiro

Mentres escribo este artigo observo pola fiestra a paisaxe ribeirá e asisto extasiado ao espectáculo de contrastes que ofrece unha mañá outoniza nesta bendita terra. Despois dun verán dabondo caloroso o mes de santos estase a despachar con toda a choiva que non caera durante o resto do ano, coma se a climatoloxía, de súpeto, se rexese por unha lei non escrita da compensación no tempo e na auga. A choiva fina tenta competir coa néboa, a verdadeira dona dos amenceres nestas latitudes ourensás; unha batalla que se dirime coa tea de fondo dunha viña de treixadura que desprega toda a súa éxtase cromática denantes de ir durmir. Cara o mediodía, unha vez disipada a dúbida neboenta, o sol galego asoma tímido e lene entre as nubes e consegue filtrar algúns raios que baten nas pequenas gotas que, nugallás, aínda bailan no ar. Xorde un arco da vella que guía ao viticultor sobre o estado do ambiente ao tempo que, nun claro desafío ao esplendor cromático da raíña do Ribeiro, divide todo o seu potencial en pequenas fraccións de cor procurando a eficiencia no reto. O que estou a ver neste intre semella ter uns alicerces ben posicionados que sinalan un percorrido entre as rochas de Carballeda do Avia e o peitoril dunha fiestra de Beade: a adega do Benito Eladio. 

O Arco da vella, Adega do Eladio é un proxecto colleiteiro que aposta non só por poñer en valor as castes do Ribeiro senón pola produción respectuosa co territorio no que se insire. Torques do Castro mergúllase na lembranza dos devanceiros máis prístinos e por iso se define como unha mestura plurivarietal na que a raíña se acompaña dun séquito de godello, torrontés e albariño. Por outro lado o seu Tarabelo non pecha senón que abre a porta ás novas sensacións que rachan co padal agardado para un patrón de tinto galego.

Mais, alén da súa faciana de colleiteiro, Benito Eladio representa a cultura poética ribeirá, máis polo miúdo fai visible a poesía dun territorio histórico e baril, de xeito semellante a ese viño do Ribeiro que declama en cada botella unha composición, en cada copa unha estrofa e en cada grolo, un verso. E así dalgunha forma eríxese nunha sorte de guía espiritual do espazo xeográfico comprendido entre os tres vales que regan esta terra, tal e coma de seguro facían os antigos bardos que cantaban melosos ao amor, os vates que tentaban adiviñar os augurios a forza de esculcar os sinais divinos nos elementos da paisaxe ribeirá ou ben coma os druídas que mantiñan unha íntima comuñón relixiosa, ou case relixiosa, coa terra nai que os parira e os vía medrar.

Eu, pecador, confeso que endexamais tiven a oportunidade de velo escribir aínda así, despois de coñecelo e de ler a súa obra, coido que si son quen de imaxinalo xusto nese intre definitivo no que a vea creativa principia a agromar nunha mente especialmente sensible. O meu maxín debúxao estomballado sobre un penedo granítico do Ribeiro, ese pai necesario e suficiente do sábrego que caracteriza e diferencia os nosos solos, sempre coa ollada posta na Pena Corneira e o seu gran falo megalítico. Con esta perspectiva véxoo compoñendo, con grafías de viño branco e tinto, unha man chea de versos de amor repletos de erotismo, de sensualidade e mais de sexualidade, mentres imaxina a unha moura que xorde fermosa, voluptuosa, poderosa, erótica e lanzal, entre as néboas sempre tépedas e decote dubidosas do Ribeiro.

Se ben nas páxinas da Biblia relátase a milagre da conversión polo noso señor Xesucristo das cántaras impías de auga en ánforas bieitas viño bo, tanto nas páxinas dos seus libros como nas botellas que elabora Benito Eladio, pódese comprobar outra santa milagre: o da metamorfose do viño do Ribeiro en poesía. 

Te puede interesar