Opinión

A vida segue igual

Papi, quen escribiu Arredor de si?, preguntóulle-la pequena mentres preparaba o seu exame de literatura galega. O home, cheo de orgullo, quixo explicarlle á filla moitas cousas; entre elas, que estudaba esa materia, e na súa lingua, grazas a un labor de moito tempo. Mais tamén, por un esforzo político e social batuxado de demasiadas voltas e reviravoltas ó tempo que tinguido de suor, de bágoas e, nalgunha ocasión, de sangue. Porén, o pai optou pola prudencia para non corre-lo risco de endemoñárlle-lo seu espírito adolescente e cinguiuse a relatarlle que o mestre Otero Pedrayo narrara a descuberta da súa condición existencial galega, e o seu corolario galeguista, a través da figura do mozo Adrián Solovio. O texto describe, parágrafo a parágrafo, contáballe o pai emocionado, o itinerario dun rapaz inseguro que, mergullado sen sabe-lo nas néboas dubitativas e mestas da nación, foi quen de acha-lo seu destino identitario. E diante do Mapa de Fontán, o mozo reparou na realidade de Galicia; alí produciuse a transformación dunha visión política e persoal que basculou, coma se for o milagre da Inmaculada Concepción, dende a condición inicial de dandi, snob e despreocupado, até a asunción do liderado ideolóxico e espiritual, propio dun escolleito.

Ó tempo que lle falaba, Solovio era consciente, outra vez, de que o Patriarca teorizara Galicia inspirándose na contemplación do seu Ribeiro. Intuía que as pedras que sostiñan a arquitectura da solaina na Casa Grande de Cimadevila, na súa amada Trasalba, aínda hoxe poderían narrárno-las arelas íntimas dun nacionalista conservador. Asemade, o home lembrou tódalas veces que el, en santa e bieita peregrinación, acudira alí e como dende aquela solaina, concibida como atalaia galeguista e conservadora, meditaba durante uns minutos eternos tentando senti-lo agarimo e a emoción patria que, de seguro, sentira tamén Otero. Pensou que quizabes fora nese púlpito onde nacera o Adrián Solovio da novela, o alter ego oteriano; o inadaptado que achou Galicia despois dunha vida a contrafío. O que si é certo, afirmouse, é que alí nacín eu, Solovio, un persoeiro disposto a poñer en valor a súa nación interior. Por iso sempre dixen que, dende o punto de vista político e persoal, se ir á capital de Galicia a senti-la inmensidade do Obradoiro lémbrame porqué son coma son e penso coma penso, respirar fondamente o ar de Trasalba é osixenarme con identidade e sentirme moito máis preto dos meus devanceiros ideolóxicos.

Mentres a nena escribía unhas ideas a modo de apuntamentos nas marxes miúdas do folio, Solovio releu mentalmente as verbas que un día escribira: “Coido que non temos, nin hai perspectivas de ter, unha verdadeira proposta política que recoñeza que podemos ser unha unidade na praxe porque erramos na premisa de inicio; isto é, non interiorizarmos que somos unha variedade de orixe.” Algúns anos despois, pensou, a cousa non mellorou, máis ben ó contrario. Os españolistas rancios seguen a nega-lo dereito á identidade particular de cada quen baixo a ameaza da espada forxada co aceiro da “España una y libre”; os galeguistas de salón trocan o futuro da nosa terra coma se fosen postais de colección; mentres, os galeguistas de seu seguimos perdidos no horizonte dunha fantasía sen concretarmos nin o pensamento nin a acción, ó tempo que multiplicámo-las siglas coma se fosen asociacións de lecer. A realidade, concluíu Solovio ó pecha-lo libro de texto da filla, é sinxela e a política perversa. España real versus España oficial. A voltas co centralismo e o choque de trens. En fin...., seguimos!!!

Te puede interesar