Opinión

Adolescencia

Unha vida en cor. O mozo precisaba que alguén pintase de cor unha vida, a súa, que nese mesmo intre atopábase raiada con trazos brancos e negros, típicos das historias de desamor adolescente. A rapaza apareceu entre as néboas frías e densas que cobren os momentos máis baixos dunha idade de fondas dúbidas e desenganos. Ela foi consciente da súa responsabilidade. Utilizou todas as gamas da paleta do pintor para tatuar no corazón do rapaz o seu nome, ao tempo que musitaba no ouvido de Solovio aquela canción de amor que tanto lle agradaba.

Gilda. Put The Blame On Mame; unha escena definitiva e contundente, chea de personalidade, de carácter, de sensualidade e de paixón. Para Solovio era unha demostración máis de que a forza da suxestión é, per se, abondo poderosa.

Sexa de forma directa ou indirecta todos deixamos pegadas na vida dos demais, pensou. Cando a impotencia nos invade non é preciso buscar culpables, ás veces chega con se poñer na pel da outra persoa. Se as néboas persisten teimudas ou a inseguridade nos asola, a mellor decisión consiste en deixarmos que a tempestade siga o seu camiño ata que dea paso a unha vida tranquila, aínda que sexa convencional. Cantas noites soñei con esa luva, sempre quixen unha Rita Hayworth na miña vida, matinou Solovio. Xoguetes para un tempo prohibido.

Os prisioneiros. De súpeto dúas mans furtivas buscáronse, ávidas e nerviosas, por baixo da mesa nun recanto escuro de Niton´s 2. Ela colleu o vaso mentres o fitaba. Brillas, díxolle. Iso é porque estaba a mirarte, contestoulle Solovio; a miña faciana é como unha lúa que reflicte a túa luz, cariño. A muller respondeu cun xesto directo e incisivo, os beizos mollados e os ollos desafiantes. Unha concatenación de suspiros inconscientes e latexos potentes deron en ritmos cardíacos acelerados. Arroutos dunha adolescencia xa serodia. Dúas bolboretas voaron ceibes e nerviosas sobre o leito apurado e violento dunha fervenza hormonal.

Teoría de xogos. Aplicación práctica do “dilema do prisioneiro clásico”, unha cooperación necesaria como vía máis acaída para diminuír os riscos. Durante tres horas ambos os dous negáronse a si mesmos a realidade e por iso o delito foi menor. Gozaron daquela noite; soamente unha, pero sen final.

Camiños. Hai camiños e camiños. Hai autoestradas, estradas, vías e paseos. Hai corredoiras, canellóns, sendeiros e pasos de servizo e servidume. E rúas con ou sen saída. Hai, pensaba Solovio, relacións humanas posibles e imposibles.

Hai camiños vitais, aqueles trazados que cada quen percorre no transcurso da súa intrahistoria. Hai cruzamentos e encrucilladas. E labirintos con ou sen Minotauro. Hai Teseos e Ariadnas, con ou sen nobelo de fíos de ouro. Hai historias, aventuras fascinantes, lendas, epopeas e odiseas. Máis tamén, concluíu o mozo, hai Penélopes que pasan a noite tecendo e destecendo en agarda da súa gran oportunidade.

Noites furtivas. Noite fuxidía no luscofusco da barra dun bar. Olladas de esguello que se atopan furtivas, simuladoras, libidinosas. Conversas animadas, xestos e sorrisos insinuadores estimulados polos efluvios dun alcohol que se evapora con cada mirada.

Calor de agosto na vella Auria. Bicos de rúa agochados no espesor dunha néboa artificial de fume de tabaco caro. Quentura entre sabas de seda brancas, case virxinais. Movementos violentos contra unha parede de cristal. Xemidos que deixan o seu bafo nun espello estratexicamente colocado.

Mañá de sol prometedora. Néboa espiritual no maxín. Recendo rancio e decadente nun autobús de domingo madrugador.

Te puede interesar