Opinión

Amanecer no Ribeiro

Aquela mañá sentiu a necesidade imperiosa de buscar a paz e o equilibrio mental, dous preceptos vitais tan desexados coma necesarios para enfrontarse con garantías ao día que se presentaba, coma outros moitos, intenso, grave e con moito balbordo de fondo. Hoxe máis ca nunca hai demasiadas verdades que se agochan, cínicas e perversas, detrás dun silencio unhas veces prudente, outras covarde, mais case sempre cómplice, pensou Solovio mentres se achegaba ao lugar que lle recomendara un amigo. Nunha man ten, aínda fumegante, un café para levar que lle servirá para manterse en pé grazas á explosión de cafeína que apoiará o seu instinto madrugador ao tempo que o axudará a combater a sensación de frío con que a xeada tingue nese momento a súa humilde humanidade. Coa outra sostén firme o seu primeiro pito do día, desgraciadamente un de tantos, pensou; un placebo perfecto para previr o estrés e recuperar, despois dun período de abstinencia nocturno obrigado, os niveis no sangue dunha vergoñenta e escrava adicción nicotínica. No automóbil gris, aparcado daquela maneira, como adoitamos dicir os galegos cando tiramos desa xenialidade patria alcumada retranca, escoitase en alto, moi alto, quizabes demasiado, coma sempre, a versión de Milladoiro de “Quen puidera namorala” de Emilio Batallán; oxalá que a música endexamais deixe de soar na miña vida, pensa invadido por certa dose de melancolía mentres exhala o fume dunha calada profunda ao LM.

Solovio esculca no horizonte do Ribeiro o espectáculo que lle ofrecen as primeiras raiolas do alborexar cando asoman, tímidas porén decididas, a unha balconada improvisada situada a carón da recentemente descuberta igrexa barroca de Sampaio en Ribadavia. Outro lugar especial coa categoría suficiente para incluír no meu catálogo de sitios senlleiros dunha terra máxica, afírmase mentres bebe un grolo do café cortado dobre. No seu pensamento dá pinchacarneiros unha expresión con selo propio que adoita repetirse coma se crese que precisa convencerse dalgunha cousa, pero en realidade non é máis que a ratificación dunha necesidade de auto afecto e motivación que quere alimentar de xeito imperioso cada día: “O Ribeiro é un territorio onde cada solpor convídame a unha reflexión e cada amencer anúnciame outra nova esperanza”. Solpor, reflexión, amencer e esperanza constitúen para el os catro parámetros que definen perfectamente esa matriz que describe a ecuación dunha existencia, a súa, vivida con toda a intensidade e a paixón de quen atopa o gran amor da súa vida.

Igual que facía o alter ego oteriano na solaina da Casa Grande de Cimadevila, dende a balconada improvisada en Sampaio, mentres observa extasiado o nacemento dun novo día, Solovio repítese preto do clímax sentimental, coma un bardo que entoa namorado un “Alba de gloria”, que doado é sentirse feliz cos pequenos momentos que me dá esta terra! As cousas simples, os detalles miúdos, non só son os mellores senón tamén os definitivos; malia que ás veces hai cousas que pasan pola túa vida coma un furacán que che deixa as ás rotas, son eses detalles os que empurran a unha persoa a erguerse e seguir cara adiante, pensou, velaí a nidia diferencia entre un loitador e un simple ser abxecto.

Un fato de emocións e enocións reflíctense na tona da súa pel e mestúranse nunha imaxinaria copa nobre de viño branco de caste fidalga. Coa perspectiva e a madureza que lle outorga o tempo vivido, Solovio está agradecido por terse sentido máis vivo ca nunca, máis útil ca nunca; por sentirse máis galego ca nunca.

Te puede interesar