Opinión

O camiño da liberdade

Aquela tarde, mentres escribía a reflexión que lanzaría ao ar da sociedade imaxinada a través da súa bufarda virtual, Facebook lembroulle que había dous anos presentara o viño da Evega correspondente á colleita 2020. A botella levaba unha etiqueta que simbolizaba a un tempo a arela de liberdade, a oportunidade para a dignidade e a esperanza de que, algún día, todas e todos seriamos quen de vernos tal e como somos: persoas libres e dignas. Na imaxe frontal, un rapaz de case cincuenta e catro anos, montado nunha bicicleta e coa mochila negra ás costas, detense nun relanzo do camiño para contemplar, unha día máis, o espectáculo dun solpor na terra sempre vella e sempre nova do Ribeiro. Hai unha ruta trazada cara á liberdade e cómpre que a percorra paseniño mais seguro, sen perder xamais nin o compás, nin a dirección, nin a referencia do horizonte, semella matinar o mozo coa mirada exhausta ante a beleza natural que está a contemplar. Nese intre para el non son importantes, e moito menos esenciais, os conceptos teóricos que tanto lle agradaban antes senón as sensacións, as conviccións e os seus sentimentos do momento. Tanto lle ten se comunga máis ou menos coa liberdade estoica de Epícteto ou se conxenia en maior ou menor medida coas concepcións positiva e negativa de Berlin; tan sequera repara nos argumentos de apoio a unha idea de liberdade libertaria, liberal ou conservadora; o máis importante para min na arestoridade, afirmouse Solovio mentres dirixía a ollada cara aquel horizonte espectacular, consiste en ser e sentirme libre ao tempo que son quen de me desenvolver como persoa, pois ese é o único e verdadeiro camiño que me conducirá cara á miña felicidade.

Solovio sabía que, na teoría, os dereitos e liberdades legais dos individuos consígnanse nun magno papel que, desgraciadamente, a praxe do tempo e determinadas circunstancias demostraron que se pode mollar e sufrir un deterioro importante. O que endexamais se debera estragar, pensou, é o concepto sagrado da persoa e os seus atributos esenciais entre os que se atopa, nunha posición central e maxestosa, a súa tendencia natural á liberdade. Unha liberdade inherente á condición humana que se nutre, entre outras cousas, da tolerancia máis do respecto, tanto propio como alleo, e que nos permite, coma un espello limpo na mañá, vernos como o que realmente somos: seres que viven cadansúas peripecias vitais, corazóns que senten e padecen e almas que vibran ao ritmo de obxectivos comúns: a dignidade e a felicidade. 

O tempo, testán unha vez máis, demostráralle que se ben a orde garante o exercicio da liberdade individual, a súa exacerbación abre a porta á represión colectiva. Eu aposto sempre por vivir en plenitude a miña liberdade e non permitirei ter que pagar prezos altos por ela, nunca; así mesmo o gran obxectivo a conquistarmos como colectivo debe ser, pola vía racional ou irracional, que todos e todas sexamos libres. Para iso a forza dos principios de vida constitúe unha fortaleza e a coherencia entre a vida e o pensamento, entre as ideas e as accións, é un dos seus alicerces máis poderosos. Deixa para min uns bos principios e queda ti co material, afirmáralle nunha ocasión a un xefe mediocre e recolledor de prebendas.

“A liberdade é un ben a desenvolver e non un mal a reducir.” Mentres lía o vello post no FB, Solovio lembrou as verbas de Burke e caeu na conta de que nunca é eternamente tarde cando un quere algo e, se ben as dúbidas sobre a liberdade comprometen seriamente a felicidade, a súa resolución devólvenos a esperanza de xeito pleno.

Te puede interesar