Opinión

Celebrar a nosa lingua


Hai uns días convidáronme, como presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, a participar na entrega dos premios Bacelo de Prata. Son uns galardóns que perseguen a normalización do uso do noso idioma no tecido agroalimentario do país e con esta finalidade se lle outorgan ás empresas que apostan polo galego coma lingua vehicular na etiquetaxe dos seus produtos. Este recoñecemento está impulsado pola Asociación Álvaro das Casas, unha entidade inserida no colectivo Galeguizar Galiza ao que, coma galego consciente de seu, quero agradecer o labor didáctico e educativo, eu diría que exemplificativo, que desenvolve en todos e cada un dos eidos da vida social desta bendita terra.

No que me atinxe a cita anual na Casa dos Ulloa, monumento de pedra no Esposende ribeirán, reborda a copa da simple representación institucional até converterse nunha cita obrigada para alguén que cre que a lingua constitúe a esencia do noso ser como pobo diferenciado. Por iso cando sento na cadeira de madeira, estratexicamente situada ao pé da lareira petrucial do pazo, sinto unha mestura equilibrada de orgullo, confianza e tranquilidade por saber que os que nos atopamos alí representamos a conciencia na que aínda alenta unha esperanza de vida para a nosa identidade.

Nesta XIV edición entregamos galardóns a dúas adegas: Terras de Bendaña da D.O. Ribeira Sacra, a miña patria familiar, e Adegas Celme da D.O. Ribeiro, á que me liga non só a representación institucional senón tamén esa sorte de irracionalidade alcumada paixón. Dende esta sorte de púlpito das letras quero darlle os meus parabéns aos seus representantes, mais sobre todo as grazas. Grazas por lembrarme con cada botella porqué un día decidín seguir o meu instinto moral e ser un galeguista militante. Grazas xa que cada etiqueta que se comercializa en galego ten o mesmo efecto que o Mapa de Fontán sobre o mozo Adrian Solovio, isto é representa unha visión tanxible da esencia de Galicia, debuxa unha postal da necesaria autoidentificación coa nosa terra e constitúe a constatación de que algúns hai tempo que deixamos de dar voltas arredor de nós.

Malia a xenreira na que algúns aínda teiman teño o convencemento de que Galicia é e de que endexamais deixará de ser, sempre que defendamos o que constitúe a nosa creación máis orixinal como pobo e, na praxe, asimilemos unha máxima: a cultura define a nosa identidade, a tradición consérvaa e a lingua exteriorízaa. Polo tanto cada vez que usamos o noso idioma afirmamos esa identidade propia, contribuímos á súa conservación e, coma corolario, construímos un galeguismo que se afirma ao longo do tempo. A lingua é a nosa maior achega á cultura universal, un agasallo orixinal ao tesouro da biodiversidade humana e non debemos permitir que desapareza.

Sempre defendín que o máis importante, o fundamental para todos os galegos conscientes de seu, é a crenza nunha idea con rango de universalidade: Galicia. Porén é un labor de todos. “Non é cada individualización da póla un adxectivarse do tronco”, como dixo o Patriarca Otero do meu venerado Florentino Cuevillas. Por iso non importa cando, non importa quen, non importa onde; o que importa é construírmos un galeguismo integral, isto é de todos, para todos e que abranga todo o noso. Eu concíboo coma un paso inicial imprescindible para ofertar a nosa creación cultural ao mundo. E se isto se entende así, estaremos todos, os de aquí e os de acolá, preparados para planear moito mellor o modelo de convivencia en paz nun mundo a cada paso máis devorador de culturas e identidades. E se isto se entende así, posiblemente todos renaceremos cada día máis orgullosos do que somos: galegos.

Te puede interesar