Opinión

Deus ex machina

Aqueles que saben disto máis ca min contan que na antiga Grecia ou Grecia clásica (cadaquén é libre de usa-lo termo que lle pareza máis acaído) a relixión era un elemento fundamental dentro do tesouro de crenzas acumulado no imaxinario colectivo heleno ó longo dos séculos. Isto afírmase así por que o recurso divino era quen de explicar case tódolos leitmotivs vitais ó tempo que auxiliaba en calquera tipo de dificultade, fose esta tanto da sociedade tomada no seu conxunto coma dos seus habitantes concibidos no plano individual. Por tal motivo, o culto e maila obediencia ós deuses constituían non só o centro da existencia diaria e o motor que dinamizaba a supervivencia social, senón que representaba tamén o gran obxectivo final das vidas particulares xa que determinaba, como faría o sentido do polgar dos césares romanos máis tarde, se a peripecia terreal de cada mortal tería ou non unha prolongación eterna no paraíso do alén nós. 

Para os gregos, os doce deuses que poboaban inicialmente o Olimpo representaban a fonte da que manaban as leis, cando menos desde un punto de vista moral; constituían unha sorte de polígrafo ó que recorrían co gallo de resolveren dúbidas ou para agrada-los mediante a procura da aprobación maxestática das súas accións; en derradeiro lugar, eran o espello infinito no que se reflectían as finitas posibilidades humanas de parecerse a eles e, con iso, seren quen de acada-la desexada inmortalidade. E foi precisamente con base nesta constelación de concepcións como tales deuses non só foron o centro e mailo fío de todo o amplo abano de narracións, historias, contos e demais expresións literarias que alimentaron o legado cultural de Grecia, senón que proporcionaron tamén unha gran fonte de aclaracións, escusas e mesmo de coartadas, para xustifica-las situacións máis difíciles de concibir, cando non grotescas. 

No decurso da utilización humana, de forma totalmente interesada, incluso a meirande parte das veces perversa, tanto das potestades como das grazas divinas, xurde a figura teatral do “Deus ex machina”, o Deus baixado nunha máquina, coma un elemento externo e estraño que actúa ca finalidade última de tentar explica-lo que, per se, resulta inexplicábel. Conformouse este artificio coma un recurso da trama utilizado cando a historia carecía dunha saída digna ou ben esta era complicada e pouco críbel. Así, nunha das mellores traxedias que escribiu Eurípides, a Medea, a protagonista sálvase dunha morte segura a mans do seu esposo, Jasón, grazas ó carro que o deus Helios lle proporciona co gallo de facilitarlle unha fuxida segura, acompañada dos cadáveres dos fillos que ela mesma asasinara, cara ó bosque sagrado de Hera, na cidade de Atenas.

Confeso que lembrei esta figura nos últimos días, cando un vertido de pequenas bólas de plástico que chegaron ás nosas praias usouse como arma contundente contra un Goberno galego sen culpa. A estas alturas do conto todos sabemos onde garda con celo a carta do as o tramposo ou de onde saca o coello o prestidixitador. A verdade escorrega asustada entre os dedos das mans mentireiras que, co seu continuo plic-plac sobre as teclas do computador ou ben co toc-toc xordo que xera a presión dixital sobre as iconas debuxadas na pantalla táctil dun móbil de última xeración, tentan construíren un discurso de campaña tan ficticio coma perverso. Quizabes queiran emular a Descartes e dicir que un xenio maligno e enganador levounos á verdade de que “o Goberno é dereita, ergo minte”. Mágoa que esquezan as vantaxes do cogito e a súa capacidade inherente de pensar. En fin, seguimos...

Te puede interesar