Opinión

A emoción do Ribeiro

Solovio aproveitou a serenidade que proporciona o sol galego cando asoma, tímido e furtivo, entre as nubes dunha mañá de primavera, para pasear tranquilo pola viña de As Searas. Os amenceres son óptimos para bosquexar os proxectos a desenvolvermos durante o día, pensou mentres se arrimaba á súa vide, e aos solpores acáelle máis o rol de remate e reflexión. Levaba horas no computador co gallo de elaborar a súa intervención na Feira do Viño, un dos eventos máis importantes do ano. Buscaba lanzar mensaxes claras usando as expresións atinadas para harmonizar dúas máximas: a verdade é o camiño máis recto e prefiro ser dono dos meus silencios que reo das miñas palabras. E nese relanzo do traballo, no confesionario da viña petrucial, deixou voar o maxín nun intento de achar unha redacción exacta. Esta es ti, miña raíña, díxolle á cepa de treixadura que, na iniquidade pandémica, adoptou como compañeira de vivencias e que hoxe lucía fermosa entre as súas irmás. Nuns días espertarás totalmente vigorosa e tranquila e vestiraste aos poucos con vexetación ata o clímax do verán onde brillarás coa melena cobreada baixo os raios dun sol que, testán, tentará por calquera medio sobrevivir a un solpor de melancolía reflexiva no Ribeiro.

Recoñezo que, coma ti, gozo mirando esta terra, observando as súas feituras de muller engalanada e formas equilibradas, esculcando cada elemento da súa paisaxe e comprobando como se animan no meu maxín. Eu, pecador, confeso que é o máis preto que estiven de vivir intensamente esa verdadeira, e por veces irracional, emoción que emana da íntima comuñón con Galiza. As dúbidas permanentes das nosas néboas, tépedas na primavera e frías nas mañás outonizas, mais sempre densas, moi densas, ata o punto de semellar un mar dentro, un océano de algodón que te convida a un mergullo no que cada brazada é un exercicio de introspección na propia intrahistoria. A pedra que, silandeira, dá testemuño do paso do tempo mentres nutre de minerais os nosos viños. A auga dos ríos que, coma serpes sinuosas e autoritarias, vertebran o territorio físico delimitando os tres vales irmáns que conviven conscientes de que, aínda sendo diferentes nos matices, constitúen unha unidade inexorable de destino. 

Cunha copa de ribeiro na man gozo ao degustar os sabores que emanan do sábrego miúdo do noso terreo; cando ulo os recendos desa leda confluencia de elementos que son as nosas elaboracións; ao follear o libro de granito no que fican escritas tantas pasaxes descoñecidas da historia de Galicia; cando reflexiono arrolado pola liturxia que me impón, lene e certeira, o silencio pedagóxico dunha viña ribeirá, ou mesmo cada vez que, ante o espectáculo dun solpor en Castrelo de Miño, síntome un algo máis humano e moito máis galego.

Estou certo, amiga, que o mesmo sentía Otero Pedrayo cando, dende a solaina da Casa Grande de Cimadevila, concibía unha novela que describise en cada frase aquela nación galega que imaxinaba decote; ou o fidalgo Losada Diéguez quen nos seus retiros espirituais no Pazo de Moldes pregaba pola supervivencia da Galicia tradicional que finaba paseniño; ou mesmo Floro Cuevillas ao iniciar as escavacións do monumento en pedra da nosa historia máis prístina que é a cidade de San Cibrao de Lás. O Ribeiro, raíña, é unha terra, unha historia e unha emoción constante, unha obra de séculos transmitida de xeración en xeración. Por que as grandes obras non son necesariamente as máis maxestosas senón aquelas que, máis alá do boato e a ostentación, eríxense coa firme vocación de perdurar no tempo. 

Te puede interesar