Opinión

Entre lembranzas

En determinados momentos da súa vida Solovio adoitaba abonarse ao exercicio de lembrar co gallo de tentar rearmarse animicamente; ás veces convén recorrer a un xogo de auto engano para manter o impulso vital, recuperar o rumbo e seguir adiante no camiño, pensou mentres franqueaba a porta que lle daba acceso á terraza. Despois de quince días intensos nos que vivira a un ritmo frenético, o baixón do nivel de adrenalina que rexistraba o seu sangue xeráballe certa sensación de desacougo; unha mestura de ansiedade, apatía e nerviosismo, moi semellante a unha síndrome de abstinencia, que o condenaba a precisar dunha fuxida da situación de baleiro mental no que estaba a flotar neses momentos. Dende sempre a saída máis acaída e eficiente para el consistía en enganar as glándulas suprarrenais e, coma o fío de ouro que lle permitía saír do labirinto do Minotauro, provocar unha nova descarga de catecolaminas mediante a arriscada aventura de reencontrarse coas súas vivencias e redescubrirse a si mesmo; a procura de emocións nos recordos endexamais me fallou, sempre foi a miña Ariadna, afirmou seguro de si mesmo.

No decurso dese exercicio de auto axuda o seu subconsciente, grazas a un adestramento de moitos anos, ben sabía o que tiña que facer e por iso traballaba arreo pescudando entre unha man chea de recursos arquivados nos andeis da súa biblioteca intrahistórica. E cando o dedo índice que guiaba inconscientemente o seu maxín atopaba o volume que desexaba, coma o deus Eolo que condescendente e voluntarioso impulsa as naves gregas cara o obxectivo de Troia, Solovio sopraba e, con cada alento de tempo histórico, conseguía erguer unha nube de partículas de po vellas e petruciais, as mesmas que cubrían o exemplar, ao tempo que limpaba a portada e deixaba á vista o título da obra.

Que pasara?, preguntouse mentres a súa imaxinación esculcaba veloz e infatigable todos os recunchos daquel libro. Había demasiadas interrogacións plasmadas nas angustiosas notas á marxe que atopaba rexistradas en cada unha das páxinas que pasaba, case todas escritas cunha letra apurada e ás veces inintelixible, coma si fosen concibidas ao bordo do abismo, obtuso e desafiante, dun episodio nervioso. E aquel debuxo improvisado, cuxos trazos inseguros lle daban o aspecto dun bosquexo feito rápido e a lapis, representaba algo semellante a unha bolboreta que voaba libre sobre un manancial de auga clara. Entón, Solovio caeu na conta. 

El, case vencido, deambulaba errático e meditabundo baixo a choiva coma un vagabundo sen norte no seu compás nin liña de referencia no horizonte. Ela, a piques de renderse, batía coas súas ás de bolboreta, cada vez con menos forza, contra as paredes daquel cárcere de cristal no que levaba anos sentíndose presa. Atopáronse de causalidade e xuntos recuperaron cadansúa liberdade e durante moito tempo, aínda que ás veces a fame foi quen de entrar pola porta, a paixón endexamais quixo fuxir pola ventá. Porén o efecto bolboreta cando move o ar das relacións humanas ten decote consecuencias tan espectaculares coma imprevisibles.

A liberdade e o cambio non constitúen unha mestura semellante á combinación entre o individualismo e a transformación. Asemade, lembrou Solovio con rabia, ela trabucara a súa liberdade cun costume que atentaba contra a convivencia e a necesidade do cambio, usando a espada, sempre afiada e cortante, da contradición. E todo foi un mar de dúbidas entre os dous ata que chegou o intre no que nin a mesma paixón, celebrada no leito lene de sabas sempre brancas e puras, foi quen de exercer un efecto placebo. 

Te puede interesar