Opinión

Nadal

Un home que camiña, pausado e meditabundo, entre as gabias da viña das Searas, tenta esgota-las poucas horas que lle quedan denantes de marchar canda os seus. Achégase o tempo do Nadal e, polo tanto, uns momentos de convivencia íntima á calor da fogueira familiar; son tempos acaídos para o goberno da persoa e maila estirpe. Porén, pensa Solovio mentres inspecciona o estado da súa cepa, tamén constitúen uns intres doados para a reflexión, serea e firme, sobre o acontecido durante o ano que remata ca finalidade de tirarmos conclusións e, dende a experiencia acumulada, tomármo-las decisións a implementarmos no novo período que se anuncia no horizonte. Mentres repasa suavemente cos seus dedos aquela arquitectura barroca de madeira, o home reafírmase en que a vida ten que segui-lo seu curso natural e que as necesidades deben tornar en desexos, non ó contrario, ó tempo que estes erixírense, de xeito ineludíbel, en obxectivos de vida.

Coma unha Cincenta vexetal que apura até o límite o tempo taxado que ten para retirarse ós seus apousentos, a cepa de Treixadura está a piques de remata-lo seu ciclo vital anual. Despois de ofrece-lo seu froito na vendima, durante o outono mostróuno-lo esplendor da súa riqueza cromática non só coma un alarde de beleza, senón tamén a xeito de preludio das posibilidades infindas dunha nova primavera sempre desexada. Mais agora, en metade dun episodio de friaxe húmida e gris, típico do mes de decembro, a vide maxestática íspese paseniño; deixa caer ó chan todo o seu vestido foliar e prepárase para sobrevivir unha vez máis, rexa e baril, á noite longa e pecha da crúa invernía. A raíña durmirá durante uns meses no seu leito maxestoso até ese intre, o inicio da primavera, no que mediante un choro, esa mestura contraditoria de laios polas feridas practicadas no seu corpo lanzal e as emocións propias dos espertares á luz que se filtra pola xanela, anuncie urbi et orbi a materialización do seu desexo vexetal prístino e invariábel: a chegada doutro día produtivo e, canda el, o nacemento dunha nova esperanza.

Mentres madura paseniño o tesouro líquido que acubillan os depósitos, na adega tamén é tempo de recollemento e reflexión e mais de face-lo balanzo do ano que remata. O home lembra con agarimo tódolos esforzos investidos en poñer a andar un proxecto de vida persoal, o sustento para unha familia que vén de medrar; asolágao un sentimento de orgullo ó ser parte dunha tradición familiar con case un século de historia. Ogallá isto se consolide sen depender das circunstancias, desexa con forza mentres proba o zume amarelo que sae da billa.

Na Noiteboa, unha familia galega reúnese arredor dunha mesa copiosa presidida por dúas botellas de ribeiro. A estampa representa, por unha banda, un tempo de íntima convivencia inscrito con letras de ouro no calendario anual da tradición, tanto individual coma colectiva, por que así o determina o feito de ter superado con altas cualificacións os test do tempo e, polo tanto, ter xustificada a súa conservación coma un legado transmitido entre as distintas xeracións. Por outro lado, substancia un intre para compartir cos máis achegados unha man chea de feitos e vivencias relatados nun ambiente tinguido de paz, equilibrio e tranquilidade. Porén, tamén constitúe un deses momentos acaídos para lembrarmos daqueles que xa non están entre nós. É, en definitiva, a ocasión para un brinde pola continuidade na estirpe: polos que foron, polos que somos e por todos aqueles que han vir tras de nós; unha arela de continuidade concibida coma un desexo humano con validez universal e atemporal.

Te puede interesar