Opinión

Nas poutas do Leviathan

Con maior ou menor grao de acerto, Solovio considerouse sempre un estudoso apaixonado da natureza humana e, con base na súa experiencia, sabía que nesta materia é moi complicado atopar o punto de equilibrio, aquela virtus do centro da que falaba o mestre Aristóteles. Dito doutra maneira, recoñecía como unha tarefa case imposible atinar coa xusta medida das cousas, utilizando unha expresión risquiá. Para el o home concibido per se, isto é espido de calquera manto engadido, constitúe unha totalidade en si mesma, un complicado compendio de fortunas e miserias en loita constante coa natureza que o rodea e lle dá acubillo. Unha imaxe imperfecta de Deus, tal e como reza nos dogmas primarios do cristianismo, que se traduce no pecado orixinal feito carne.

Mais tamén Solovio adoitaba defender que ese mesmo home vestido cun traxe, isto é colocado nun lugar concreto, aquel que determina o escenario das súas circunstancias, sométese voluntariamente á influencia dunha contorna que guía o seu presente e determina o seu futuro. “Eu son eu e as miñas circunstancias; se non as salvo a elas, non me salvo eu”, lembrou un momento as palabras de Ortega e Gasset. Deste xeito nace a sociedade e canda ela xorden as leis positivas e a moral concibidas ambas as dúas coma un fato de normas de orde e conduta que sinalan, asemade, os trazos que definen o sentimento de pertenza ou non a ese grupo. A partir dese intre o home non está só e a liberdade infinita máis feble da que gozaba diminúe en beneficio da súa seguridade que tende a aumentar. O home pasa a ser así un zoon politikon, isto é un ser social, tal e como afirmaba o estagirita, por iso os seus destinos atópanse ligados ao rumbo do grupo tentando non renunciar endexamais a ser el mesmo.

Aquela tarde de primavera na terraza dun piso en Ourense, mentres gozaba dos aloumiños mornos e suaves do sol galego, Solovio estivera a repasar “En terra conservadora”, unha visión particular da sociedade na que vivía a súa existencia oficial expresada dende unha ollada conservadora e galeguista. O que tiña nas súas mans era un labor de moitos anos materializado en forma de artigos, parágrafos, verbas e carácteres, todos eles suspiros vertidos ao ar da indiferenza dun Ourense e dunha Galicia, particularidades erguidas á categoría de espellos dunha totalidade, que deambulaban como unha estadea que percorría o traxecto debuxado para unha noite social eterna. En todo este tempo manifestara varias veces que non lle agradaba o vieiro polo que camiñaba a nosa sociedade, que as vías polas que circulaba semellaban máis corredoiras de servidume materialista que autoestradas de verdadeira liberdade humana. Constituía un relato do tránsito dende o home masa ata o home tecnolóxico, a evolución fatal do animal de supervivencia cara á quenlla economicista.

Consonte isto, Solovio mantén viva aínda hoxe a sensación de que seguimos a camiñar paseniño cara ás poutas do gran Leviatán e os seus súbditos: a mediocridade, a superficialidade e a uniformidade. A persoa estase a transformar, sen solución de continuidade, no individuo e o veciño no cidadán. Ambos os dous, individuo e cidadán, sempre foron para el artificios con moitos dereitos e unha man chea de abstraccións mais carentes do elemento fundamental: a alma. Somos unha colección de números, pensaba mentres vía os coches circular indiferentes, un dni, unha historia clínica, a matrícula dun vehículo, milleiros de códigos de que identifican expedientes. E a mesma pregunta invade, minuto tras minuto, o seu maxín, onde están as persoas?

Te puede interesar