Opinión

Néboas ourensás

Paseaba “copa en ristre” pola finca das Searas en Leiro. Para el, era un exercicio de relaxación agradábel que tornaba en recurso imprescindíbel cando precisaba dun nivel de máxima esixencia no proceso de produción creativa. Aquela mañá, coma un cabaleiro Perceval que escolle polo miúdo os argumentos cos que defenderá, ante o Rei Artur, unha nova saída na procura do Santo Graal, Solovio articulaba mentalmente un texto e para iso, con cada paso, tecía unha rede discursiva que ligaba unha ca outra tódalas palabras que asaltaban ó seu maxín. Buscaba construír unha alegación patriótica cultural que pronunciaría na presentación desa revista ourensá tan popular coma espartana, tan galeguista coma heroica, que é “Nós, a xente do redor”. 

Seguindo ó pé da letra o patrón dunha mañá inverniza típica do Ribeiro, o sol loitaba a eito, e con convencemento, por facerse notar entre unha néboa mesta que, máis ca nunca, impedía temporalmente ve-la realidade e maila fermosura da paisaxe histórica ribeirá en todo o seu esplendor. No horizonte, de acordo cas leis que rexen a actividade dos fluídos, unha serie de columnas fumegantes ligaban, coma cordóns umbilicais, a terra co ceo denantes de confluíren para se condensar nun mar de algodón; era o produto natural do alento profundo que os tres ríos deitan acotío sobre a paisaxe e que invade paseniño tódolos recunchos do tapiz vexetal que cubre a totalidade do territorio. 

Unha sensación metafórica que mestura o misterio, a incógnita, o temor e, ás veces, o medo, fíxose dona das súas especulacións creativas. Para el, a néboa constitúe a eiva, e ó mesmo tempo a maxia, dun veo vaporoso que adoita ofusca-los sentidos, até o punto de obnubila-lo entendemento a quen non sabe interpreta-las dúbidas existenciais que agochan as nosas montañas, vales, ribeiras e bocarribeiras. Por iso nos seus escritos representa esa gran dúbida histórica dunha terra ourensá que, como acontece ca cidade, se nega a desaparecer e que loita a eito, e con convencemento, por ver de recuperar no espazo e mailo tempo todo o esplendor daquilo que durante moitos séculos foi: un dos grandes construtores da identidade e maila cultura galegas.

Nesta tesitura, Solovio sempre defendeu que O Ribeiro é o gran paradigma de Galicia e de Ourense. E que as súas néboas representan un simbolismo vital que, trasladado ó escenario da vella Auria, representa non só una néboa climatolóxica, o produto da intersección entre a humidade e maila friaxe, senón tamén un elemento intanxíbel que se mestura na psicoloxía da sociedade tanto ca néboa social, esa confluencia fatal de inmobilidade e desesperanza, coma ca néboa política, unha mestura de insubmisión, esquecemento e mesmo de covardía. E a Solovio deulle por pensar que esa mesma néboa limpa e branca do Ribeiro, porén agora moura, gris, fea que lixa un río transformándoo nun monstruo con cen abominacións, como dicía o mestre Cuevillas referíndose ó Támesis de Londres, é a que adoita ofuscárlle-los sentidos, até o punto de obnubilárlle-lo entendemento, a quen non sabe interpreta-las gañas e maila sede de cultura que posúe a cidade de Ourense. No canto de cultura, asoláganos cun panem et circense que agocha a triste realidade da ineficiencia.

Solovio concluíu, “copa en ristre”, que o cabaleiro Perceval non precisa de argumentos para xustificar unha nova saída por que o Santo Graal da cultura galega non debe depender nin dos orzamentos nin da sensibilidade de ningún Rei, senón da nosa vontade, a dos ourensáns, sexan ou non xente do redor, para crearmos e mais para conservármo-lo creado.

Te puede interesar