Opinión

Nós, a xente do redor

Toggle navigation
Mañá de domingo máis fresca e húmida do que corresponde ós inicios dun mes de setembro ourensán. Ó pé da Sociedade Cultural Albor, Solovio apura o derradeiro café denantes de entrar. Por diante, queda unha sesión apaixonante tinguida con fortes recendos de identidade e cos sabores doces da creación; unha xornada de convivencia entre amigos e militantes nesa causa xusta e digna que é a defensa da cultura galega. Sobre un folio en branco pousado no escritorio do seu maxín, escrebe ás présas un bosquexo cas ideas principais de “Mariñeiros en terra”: o relato dunha pomba dourada que, dende hai tempo, plana con vocación de eternidade sobre o seu ceo azul, coma se fose o santo misterio da súa íntima Trindade: a paixón, a liberdade e Galicia.

“Lin o outro día que Ourense dista moito de se-la Atenas de Galicia, mais se non é a Atenas, ben seguro que é a Esparta xa que, con apenas 300 de Nós, defendemos a capa, espada e pluma, a cultura e a lingua, na cativa medida das nosas posibilidades. Fágase o milagre número 11.” As verbas que escribira o seu amigo César Luis Santamaría no FB, prenderon a luz que precisaba para inicia-la súa intervención: “Houbo un tempo no que o eixo da Galicia culta pasaba por Ourense...”. Hoxe, de ollarmos para a casa común dos ourensáns, sería moito máis atinado principiar con aquilo de... que a terra te sexa leve, cultura. Amén.

Para el, Nós, a xente do redor é algo máis ca unha revista. Constitúe o proxecto máis ambicioso dos que, en materia cultural, se desenvolven na cidade de Ourense dende hai catro anos. Ó tempo, representa a materialización de dous conceptos aristotélicos: por unha banda, substancia a potencia creadora galega que esculca en tódalas fendas posíbeis por ver de atopa-lo punto de afloramento que lle permita abrollar, limpa e baril, como a promesa dun manancial eterno. Pola outra, é o acto de afirmación tácita da cultura e maila lingua tomadas en si mesmas; isto é, coma dous tesouros dignos non só de protexermos, senón de impulsarmos, como xeito de mantermos con pé firme nunhas circunstancias cada vez máis agresivas coas identidades diferenciais. 

Mais tamén, matinaba Solovio, significa unha democratización da cultura; a emerxencia dese caudal creador decote oculto para a tona oficial da nosa sociedade; unha construción popular sen pedigrees nin pedestais, feita por e para a xente do común e erixida sen éxitos preconcibidos nin vendas aseguradas. Unha colección de escritos sen grandes nomes, sen sinaturas cotizadas, sen as prebendas dos persoeiros ”de mucho por qué” degradados pola calor dos cartos públicos á condición de culturetas. Así é como naceron as grandes obras galegas cando se concibiron con vocación de universalidade, pensaba Solovio. 

Síntome orgulloso de pertencer a este colectivo animador dunha terra, a ourensá, cada día máis a ermo, reafirmouse. Porén, tamén agradezo a posibilidade de expresarme a través da palabra, ese último reduto de rebeldía para quen tenta vivir a contrafío. Lembro que aquilo principiou como a posibilidade de relatar, negro sobre branco, a fuxida dunha realidade agreste e recorrer á fabulación para deixar escrito o testamento pandémico dun ninguén, baixo a forma dun fato de confesións feitas á calor da amizade trabada a través dunha xanela virtual. Coma corolario, xurdiu a descuberta da miña propia existencia como paso necesario para iniciar con valentía o treito final do meu camiño vital. Celebremos pois a cultura, celebremos entón a creación; sintámonos cada día máis orgullosos de sermos galegos. Celebremos Nós, a xente do redor.

Te puede interesar