Opinión

Nun serán de xullo

ASolovio sempre lle agradou pasear á beira do mar galego, sobre todo durante as derradeiras horas do día. Para el é un deses poucos momentos e lugares, fóra do seu Ribeiro, onde se sente quen de atopar a harmonía, a paz mais o equilibrio imprescindibles para darlle, con certas garantías de éxito, unha volta á súa vida e matinar nos proxectos soñados para o porvir. Ou como adoita dicir de brincadeira ás veces, case sempre nos intres dedicados á troula e o lecer cos amigos, un solpor gozado á beira do mar de Galicia é unha desas experiencias pracenteiras nas que ademais, malia ser home, síntome quen de facer dúas cousas produtivas a un tempo: camiñar e soñar. Son eses momentos do día cando o astro Rei, mentres segue ao pé da letra un guión consuetudinario, e polo tanto executado sen o auxilio dun texto nin a guía de ningún titorial, deita paseniño os seus derradeiros folgos de vida no leito patriótico do mar debuxado con mestría, entre as illas Estelas e a vila de Baiona, pola man artística dun deus omnipotente. Representa o instante exacto no que deixa de moverse de forma rítmica o berce no que se arrola entre agarimos a matria lunar e prepárase para o seu rexurdimento imperial coma raíña da noite. Esa xornada será unha lúa en fase de chea, o episodio de máxima plenitude dun proceso metafórico de morte e resurrección narrado en continuum, unha sorte de eterno retorno platónico, a maxestade que domine o ceo dunha doce noite de xullo en Galicia.

Durante as horas finais dese día Solovio desexa sentir a sensación reconfortante que lle proporciona o instante exacto no que os seus nocellos móllanse co derradeiro empurrón das ondas mariñas denantes de morreren na orela do areal de Praia América. Gústalle saberse acariñado na faciana por unha brisa mariña, esa mestura gasosa saturada de humidade e sal, que o transporta aos tempos e lugares senlleiros nos que o frescor e o ímpeto xuvenil enchían o seu miolo dunha man chea de ideas e proxectos. Mais agora, anos despois, o seu obxectivo consiste en debullar no horizonte os camiños cara o máis alá da actualidade coma no pasado, de seguro, fixeron tantas veces os nosos devanceiros, no decurso de moitos dos seus soños, denantes de tomar unha gran decisión. E así, diante da inmensidade e plenitude dun mar galego agarimado polos últimos raios do sol, Solovio séntese, unha vez máis, coma un mariñeiro en terra na procura dunha esperanza certa para o futuro. 

E mentres camiña coa ollada dirixida sempre cara ao horizonte Solovio lembra que chegou alí na procura de momentos de paz e reflexión gozados entre a contemplación do horizonte ás orelas do mar patrio e a degustación da matria galega contida nunha botella nobre de Ribeiro. Matinar nas posibilidades do futuro mentres camiña por aquel escenario privilexiado supón para el, non só dispoñer de metros e metros de liberdade, senón tamén ter a oportunidade de ler, nos capítulos da nosa historia escrita en cada unha das polgadas daquela area, a solución ás súas teimas ao tempo que degusta a sinfonía vital da patria entoada a coro con cada embate das ondas que o mar lanza contra as rochas primixenias da costa.

Mentres no Ribeiro o pintor, coa súa paleta chea de gamas de todas as cores, fai paseniño o seu traballo e os bagos, coma se fosen lenzos vexetais, mudan a súa cor camiño da tonalidade final, un ribeirán adoptado, peregrinando á beira do mar galego durante o solpor dunha tardiña do mes de xullo no areal de Praia América, debátese entre o poder e o deber, entre a arestoridade e o devir, entre o presente e o futuro.

Te puede interesar