Opinión

O río

Sempre que o seu itinerario o leva por alí, e a dispoñibilidade de tempo llo permite, Solovio detén o automóbil na metade do camiño que liga Laias con San Fiz de Navío. Aquel é un lugar que lle agrada por que lle ofrece, dende a vantaxe que outorga a altura, un panorama do val do Miño que o extasía. Nun acto que executa case sempre de forma automática, coma unha sorte de reflexo condicionado de Paulov, o visitante ocasional prende un pito e, ao tempo que exhala paseniño o fume e observa como se mestura lentamente co ar do val, mergúllase nun fondo sentimento patrio que combina a plenitude identitaria, a seguridade ideolóxica e a tranquilidade do espírito. No espazo temporal duns minutos Solovio esculca polo miúdo todas e cada unha das pinceladas de cor que conforman e dan vida a unha postal que lle mostra toda a fermosura paisaxística do, na súa opinión, Ribeiro máis galego. E así diante dos seus ollos diferentes gamas do branco, o azul e o verde dispóñense sobre o lenzo ribeirán de acordo a unha orde preestablecida pola natureza e forman unha combinación difícil de apreciar en toda a súa intensidade, fondura e grandor para aquelas almas que non latexan baixo o influxo e coa potencia dos impulsos patrios.

Dende aquela atalaia improvisada e maxestosa Solovio concibe o pai dos galegos non soamente como unha simple noción xeográfica senón tamén, e sobre todo, coma un dos grandes símbolos materiais da súa identidade; esa franxa azul, díxose coma se precisase dalgún tipo de explicación, outorga sentido e significado ao fondo branco da miña bandeira. Mais tamén representa, na corrente subterránea que flúe segura e orgullosa sobre o leito da miña intrahistoria, a metáfora daquel corpo feminino no que, había anos, gozaba ao mergullarme cada día, cada tarde e cada noite, pensou. 

Mentres remata un pito consumido con toda a parsimonia cerimonial que o momento require, Solovio convéncese a si mesmo de que na observación da lentura do río Miño atopa tamén a explicación a un dos alicerces sobre os que pivota o rumbo ideolóxico do seu pensamento. No fluír constante e seguro daquel elemento da paisaxe o eterno matinador identifica a fórmula da súa concepción sobre a capacidade de adaptación ás mudanzas, isto é a explicación do vieiro que conduce cara á consecución da conservación e que discorre a través dunha correcta harmonía entre a res servandae e a res mutandae, entre o que necesariamente permanece e aquilo que pode ou debe mudar. 

Para Solovio o caudal de auga substancia a compoñente mudable das cousas por que representa o dinamismo da natureza. Quizabes por iso lembrou nese momento as clases de filosofía que lle impartira o mestre Prudencio, no colexio ourensán dos Maristas, nas que aprendera que se lle atribuía a Heráclito a afirmación de que nunca un home sería quen de bañarse dúas veces na mesma auga no mesmo río, “A quienes penetran en los mismos ríos aguas diferentes les corren por encima”, dixo realmente o presocrático. Porén, pensou, o certo é que ese elemento mudable discorre no seo doutro con vocación de permanente pois o leito do río non adoita cambiar de xeito natural ou cando menos non o fai de maneira perceptible ao ollo humano. Velaí a metáfora da miña concepción da conservación como principio de vida e pensamento: o cambio necesario como método para que as cousas superen os test do tempo, e o seu corolario burkeano: só se conserva aquilo que se pode reformar. E mentres monta de novo no coche Solovio pensa que el, aínda que é o mesmo, xa non é igual..., porén Galicia será sempre. 

Te puede interesar