Opinión

No país de Nunca Xamais

Oescocés James M. Barrie relatou que para chegar ó país de Nunca Xamais precísase voar moi alto no ceo e, á altura da segunda estrela, facer un xiro á dereita, sempre seguindo o sentido que conduce cara ó amencer. Seica naquela illa, pensaba o home mentres lía, tódolos soños son posíbeis por que os máis cativos, sen necesidade dunha man chea de leis e gobernados só ca forza da súa ilusión, a súa inocencia e o seu optimismo rebelde, convértense nos seus maiores e mellores valedores, até o punto de negárense a medrar.

Cada vez que, pola mañá, pisaba a beirarrúa, Solovio tiña a sensación de incumprir 8 directivas, 10 leis, 28 reais decretos, 35 decretos e 45 ordes. Nun intento de mante-lo equilibrio mental suficiente para acomete-la xornada que tiña por diante, optou por non calcula-lo número de instrucións. Mentres camiñaba paseniño, sentía o peso de catro diarios oficiais mailos bandos municipais ourensáns que lle oprimía as costas até o limiar da extenuación. Un corpus de normas cas que me vexo obrigado a convivir; unha regulamentación, a meirande parte das veces forzada, concibida para controlar polo miúdo a vida dese constructo artificial chamado cidadán, pensaba mentres prendía o primeiro LM do día.

Lembrou que durante a viaxe a Dublín relera “Las tinieblas de Occidente”, esa obra non nata que lle mostrou a faciana máis inadaptada e nietzscheana do mestre Risco. Aqueles escritos risquiáns, redactados entre 1912 e 1918, provocáranlle unha pregunta: hoxe en día, mudaron as cousas? A resposta máis doada para Solovio foi moi sinxela: xaora que non! Vivimos tempos novos mais batuxados de vellos vicios que non só non repousan na cadeira aveludada do tempo e a experiencia, senón que medran descontrolados cunha velocidade directamente proporcional á necesidade mailas gañas que temos as persoas de vivirmos unha vida simple e sinxela en liberdade.

Para el, a lei positiva garante a orde e o equilibrio social se, si e só si, é mínima ao tempo que dá unha resposta axeitada aos problemas da realidade; isto é, se se alicerza tanto na experiencia social acumulada coma nunha análise pausada da súa validez en cada momento histórico. Asemade, esa mesma lei positiva, reafirmouse mentres pedía un café cortado, só é quen de garanti-la súa obediencia se, ademais, é eficiente e moralmente aceptábel; é dicir, se é unha lei xusta.

Por un momento, Solovio viuse mentalmente ó pé do Museo Guggenheim onde, había dous anos, vira a escultura dun Ramón Rubial dirixíndose tranquilo cara á Porta dos Honorábeis. Era a metáfora do camiño que conduce á conquista da esencia do home; representaba o acto da afastarse da condición de simple individuo para vesti-lo manto da alma e así recupera-la condición de persoa: pensar, sentir e vivir.

“Summum ius, summa iniuria”, lera no De officiis de Cicerón. Consonte con isto el avoga por un Estado da dimensión suficiente que dite as mínimas leis posíbeis, eficientes, reformábeis e xustas; compendiadas nun só código legal: o Diario Oficial do Realismo, a Moral e a Liberdade. E todo isto, sentenciou mentres pagaba, nunha sociedade que permita o meu libre desenvolvemento persoal coma condición sine qua non para toca-la felicidade.

Talvez as cousas funcionasen mellor se, por un momento, todos fósemos de novo nenos, pensou; e, logo de dicir un “ata aquí chegamos”, fixo un xiro á dereita á altura da segunda estrela e dirixiuse, impulsado polos seus soños e ilusións, cara ó amencer do seu porvir, deixando tras de si a saca da insatisfacción, ocupada con tódolos seus fracasos e a melancolía polas súas perdas. 

Te puede interesar