Opinión

O patio de Monipodio

Estou a descubrir que algo ten de positivo estar de vacacións aínda que sexa a media xornada, pensa Solovio mentres senta diante do computador. Estes momentos permítenme, sen frear totalmente a miña actividade cotiá, dedicar tempo a facer aquilo que o balbordo diario me impide desenvolver durante o resto do ano coas doses de concentración, de claridade e de serenidade necesarias. Máis alá da miña condición de galego, e polo tanto da natureza inherente a un ser con tendencia a mergullarse no mar dos seus soños, confeso que son moi dado a matinar e que aproveito calquera momento para facelo. Porén non é menos certo que o ritmo de vida endiañado que levo déixame poucas oportunidades para debullar, polo miúdo e con pausa, a realidade que me arrodea. Contemplar o espectáculo orxiástico dunha viña do Ribeiro no mes de santos, arroubarme nun banco do Náutico de Castrelo de Miño mentres observo como o sol agoniza ao percorrer o seu camiño cara á morte na Pena Corneira ou ben admirar a gran obra da natureza dende o Miradoiro de San Cibrao; todos tres son intres que me convidan á reflexión transcendental mais non deixan de seren oportunidades moi fugaces.

Hoxe na terraza dun piso en Praia América, fronte ás Illas Estelas, aproveito o tempo libre que me brinda un cativerio diúrno provocado por unha inconsciencia, case unha bobada adolescente, que se traduciu en lesións provocadas por unha mala praxe na exposición ao astro rei. Cedo esquecín aquilo que, a xeito de mantra, adoitaba repetirlle ao meu Jacobo cando neno: todo acto trae canda si as súas consecuencias. Polo tanto non me queda outra que, unha vez máis, desenvolver un exercicio de abstracción, concibido coma un medio e non un fin, e imaxinar esta terraza coma se fose a estancia dun mosteiro improvisado onde me recollo para practicar o lema do ora et labora que, con tan bos resultados, guiou durante séculos a vida dos pais bieitos. Cando menos na soidade desta obrigada cela, neste caso pagá, as queimaduras na pel non me impiden gozar do frescor dun Ribeiro cando escribo, convéncese Solovio mentres tenta, ao tempo que se consola, non ser moi duro consigo mesmo.

Había tempo que non miraba un telexornal, foi unha decisión meditada que tomei, no mes de abril de 2020, por unha cuestión de saúde mental, diante do espectáculo aberrante que ofrecía unha clase política teimuda en converter aquel peche doloroso e traumático nun obsceno lamazal. Hoxe cometín o erro de sucumbir de novo á tentación (Deus me perdoe) e ratifiqueime na decisión que adoptara nese momento. Vou aínda máis alá, fun consciente de que, de vivirmos noutros tempos indesexables, os informativos levarían impresos na pantalla os dous rombos que adoitaban colocarlle ás películas de “contido moral pouco recomendable”. Só que, desta volta, eu non precisaría facer malabarismos para evitar que os pais reparasen neles. Tristes lembranzas duns tempos vividos en branco e negro.

O certo é que me queda cara de parvo cando, pensou Solovio, me ratifico na dicotomía perversa que estamos a vivir como sociedade. É unha cuestión comprobable que, alén da cuestión territorial, todos os días nos medios de comunicación ventílase o contraste nefasto entre a España real e a Hespaña oficial, isto é o gran afastamento entre a realidade dos veciños e o patio de Monipodio co que as nosas clases dirixentes, igual que na novela exemplar de Cervantes, nos queren facer comungar coma se fósemos o Rinconete e o Cortadillo que os xustifique. Escaparate dun Nodo oficial, triste retorno a unha vida en branco e o negro. En fin...

Te puede interesar