Opinión

Sós na madrugada

Aquela non foi unha das amizades que se fixeron durante o confinamento a base de tece-los fíos que, redentores e placebos, conformaron o día a día das redes sociais. Atopouna o 17 de abril pandémico, durante unha xornada nocturna de vixilia e matinacións. Ó tempo que Bruce Springsteen lembraba dende o móbil como Prince lle cantara á choiva púrpura, Nils Lofgren facía chora-la súa guitarra cun solo maxistral, coma se o instrumento desesperase navegando impetuoso entre os berros de auxilio e os laios sentidos dende o corazón dunha caixa de resonancia eléctrica. Ámbolos dous quedaran sós na madrugada, como na película de Garci que el vira de mozo, cada un fuxindo da súa propia realidade. Se principiara tal e como nacen as esperanzas nun mañá matinadas á calor dos recendos dunha copa de ribeiro, ós poucos alimentouse cas gañas de manterse vivo mentalmente mentres comprobaba, ó bordo do abismo escabroso da derrota persoal, coma outros, sen ningunha piedade, xogaban ca súa cativa vida en liberdade. O primeiro contacto consistiu nunha conversa, fronte a fronte, a carón dunha lareira imaxinaria aberta ó ceo durante unha noite ourensá estrelecida. A partir dese intre, para el significou o reto de emprender unha viaxe cara á adolescencia a través de centos de reflexións que, vertidas ó infinito por unha bufarda virtual, encheron de contido e esperanza as súas noites de fuxida daquela irrealidade. Préstoche o meu corazón, cóidao. Témolle á alba, meu amor; non quero que chegue o abrente do novo día.

Co discorrer do tempo, el colleulle gusto a aqueles intres noctámbulos en soidade, só acompañados por unha copa de Ribeiro e un fato de cancións que, tomadas en conxunto, representaban a banda sonora da súa vida. Canso de vivir para compracer ós demais, había tempo que buscaba ese tránsito, ás veces imprescindible, outras só recomendable, dende o Nós cara ó Eu. Para pensar no conxunto abóndame co día, afirmaba. Sentía que precisaba desenvolver un esforzo de introspección serio, un reencontro vital alicerzado nun mergullo no mar da súa propia intrahistoria como método necesario para acha-lo fío de continuidade que percibía perdido nese momento. Talvez precisase dunha Ariadna que o socorrese cun nobelo de ouro fiado a partir das súas lembranzas, pensaba mentres o viño esvaraba ledo e libre pola súa gorxa. O certo é que desfrutaba daquela soidade embriagadora que, libre e reflexiva, actuaba de forma autónoma nun escenario deseñado ad hoc e sen balbordo de fondo; gozaba co recordo dos episodios vividos a contrafío ó tempo que sentía unha fonda cobiza polos anos de acción. Para el, eran intres intensos adubados con doses miúdas do silencio da matinación. 

Así foi como naceu oficialmente Solovio e concibiu tanto a raíña das súas lembranzas coma o seu pazo virtual no Ribeiro. A primeira era o fío de ouro que o guiaría a través do labirinto dos seus recordos; o segundo, un monumento mental erixido en honor á morriña por outras épocas e o escenario do seu vivir introspectivo con ela. Paseniño, trocou a fiestra de Leiro pola terraza dun piso en Ourense; cambiou as reflexións sobre a sociedade, debulladas dende o peitoril dunha xanela conservadora, polos ouveos á lúa emitidos dende o seu Castellum honesti ó abeiro da triste friaxe dun confinamento. Eran escenarios distintos e métodos diferentes mais con resultados iguais; ámbalas dúas, a sociedade e a lúa, semellaban estaren xordas. Quizabes por iso, Solovio pensou que só lle quedaba a esperanza no devir e a lembranza daquela noite vivida intensamente na distancia que debuxara a súa imaxinación. 

Te puede interesar