Opinión

Poesía para coñecernos mellor

Como todos os anos durante o mes de outubro Círculo Poético organiza o Encontro Internacional de Poesía, e este xa é o cuarto, e parece que foi onte cando dende Círculo nos propuxemos crear un evento que enxalzase a poesía e á vez dese a coñecer a nosa cidade entre os poetas que nos visitan. Dende aquelas moitos dos nosos convidados recalaron en Ourense atraídos pola hospitalidade e a beleza deste cidade á que tanto queremos. Se un dos nosos obxectivos é achegar a poesía aos cidadáns, sobre todo os mais pequenos, non menos importancia dámoslle a difundir Ourense, coa súa cultura, as súas xentes, as súas paraxes, as súas rúas, os seus monumentos, a súa vida social, a súa gastronomía entre todos os poetas que nos acompañan dende distintos países e que levasen o nome de Ourense aos seus lugares de orixe e deste modo recomendasen a nosa cidade como lugar de destino turístico.

Unir culturas sempre foi un reto da humanidade, e a poesía contribúe desde sempre a esa unión, xa que a linguaxe poética constitúe unha ferramenta imprescindible no diálogo entre culturas.

Precisamente a diversidade, a libre circulación de ideas, o cuestionar de forma sempre renovada a forma de utilizar as palabras, así como os xeitos de percibir a realidade, a creatividade e a innovación axudan, xa non só a reflexionar sobre o poder da linguaxe, senón tamén o nacemento de proxectos que intenten levar un pouco de esperanza aos mais desfavorecidos.

A poesía axuda a coñecernos mellor, fálanos de amizade, amor, erotismo, soidade, melancolía, envexa, sensualidade, en fin, de todos os sentimentos das persoas, e hoxe mais que nunca ten que ser a ferramenta que nos libere do excesivo mercantilismo que estamos a vivir. Os poetas temos que alzar a voz para dicir á nosa mocidade que a pesar da crise, o desemprego, e a perda de valores dalgúns individuos, este mundo ten futuro. Cando as palabras perden o seu verdadeiro sinificado polo uso que lles dan os que viven soamente para eles e pensan exclusivamente no seu propio interese, a obriga do poeta é reinventalas e darlle o valor que merecen, valor que por fortuna nada ten que ver co diñeiro. Temos que fuxir do que eu chamo nunha poesía palabras ocas:

Palabras ocas como as canas de bambú,

infestadas de instinto básico

e corazón de plástico,

ese plástico que alaga as nosas economías,

o sucio tacto do diñeiro

que para nada me fala de esperanza.

Te puede interesar