Opinión

10.03

Xaquín esperta tombado boca abaixo, coa cabeza afundida na almofada. Está morto de sono. Cando cambia de postura, e queda de lado, levanta con misterio unha pálpebra e mira a hora no espertador que hai na mesiña. As dez e tres minutos. Baixa a pálpebra apaticamente. É cedo. Dous segundos despois, de socato, o mozo revoluciónase e desta vez, co sistema nervioso electrizado, abre os dous ollos. Hostia!!! O exame!!! É tarde. Hoxe ten a proba final de Filosofía do Dereito. Quedou durmido. Aparta as sabas con rudeza e érguese coma un resorte da cama. Non pode crer que lle ocorrera isto a el. Precisamente a el, que é un tipo madrugador. Merda!!! Pregúntase que puido pasar. Non soou o espertador. É o máis seguro. Non sabe se non soou, ou se soou pero nunha manobra inconsciente, e bastante común noutras persoas, estirou un brazo, desactivou a alarma e regresou ao sono.


Blasfema. Faino non porque se durmira e chegue tarde ao exame, senón porque ao saír do dormitorio golpea o dedo gordo do pé dereito contra unha das patas da cama. Era pouca cousa e pariu a avoa. Dóelle. Pero como ten présa coxea en dirección á cociña. Que vai facer á cociña? Non sabe. Coa hora que é, almorzar semella unha frivolidade. Abandona a cociña e desprázase ao baño. Non ten tempo para quentar un tazo de leite, e ten tempo para meterse na ducha e enxaboar o corpo e o cabelo? Umm. Quizais non. Pero vai ir sen lavar á facultade? Claro que, por outra parte, vai ir co estómago en branco a unha proba que pode durar horas? Ummm.


Regresa á habitación, constata que transcorreron tres minutos, e saca un pantalón, unha camisa, un calzón limpo e un par de calcetíns. Vístese. Agora, cunhas cousas e outras, son as dez e oito minutos. Volve ao baño, lava a cara, cepilla os dentes e administra desodorizante introducindo o aplicador por debaixo da camisa. Flishh e flishh. Cálzase. Corenta e un minutos despois chega á facultade. Está rebentado. Bafexa. Súa. Cando entra na aula estráñase de que impere a desidia e a calma mentres o profesor clarexa algúns conceptos de cara a mañá, o día do exame final.



Te puede interesar