Opinión

Acabouse

Un día por outro non atopaba o momento idóneo para poñer fin á súa relación con María. No último paso, co discurso de despedida aprendido, ocorría sempre algo que o detiña aprazando o que antes ou despois sería inevitable: a ruptura. Había xusto un mes que saían cando comezou a valorar a idea de deixala. Non había paixón, nin sequera afinidades, e estaba, de feito, decidido a comunicarllo, pero decatouse de que eran as vésperas do día que cumpría vinte anos e non quixo tinxir a festa cunha mala noticia. Pasou o tempo, e cando quixo retomar os trámites para que o idilio acabara, ela presentoulle de socato aos seus pais. Caéronlle especialmente ben, así que considerou oportuno arrefriar a intención de abandonar a María unhas semanas. Cuestión de formas.


A proposta de matrimonio alterou os seus plans unha vez máis. Non desexaba que ninguén e menos ela ou a súa familia manchara o seu nome acusándoo de fuxir do compromiso. Ou peor, de covarde. Aceptou e a voda trouxo un novo aprazamento da ruptura. Tempo habería de divorciarse, pensou. Hoxe era un trámite máis ou menos áxil. Cuestión de xuntar catro papeis.


Tres anos aguantou naquela situación provisional antes de decidirse, finalmente, a poñer a separación enriba da mesa. Unha tarde anuncioulle con solemnidade que esa noite debían falar seriamente. Ela non podía estar máis de acordo. Había asuntos capitais que tratar. É máis, asuntos que non admitían dilación, polo que lle anunciou sen agardar á noite que estaba embarazada. Nin que dicir ten que tampouco ese día rematou a relación. Cuestión de oportunidade.


Posteriormente porque viñeron máis fillos, ou porque morreron os sogros, ou porque os fillos á súa vez tiveron fillos, a ruptura quedaba sempre no aire. Pouco importaba que non existira comunicación, nin sexo, nin aprecio. Nin sequera o feito de que o home odiara a María foi suficiente para atopar un intre no que divorciarse. Nunca era bo momento. Menos aínda a medida que enfermaban, ingresaban en hospitais, ou a morte se insinuaba. Cuestión xa de preguiza.


Te puede interesar