Opinión

Agardando

Ana, levanta, viste, lava, alimenta, move, traslada, le, informa, entretén e etcétera a Toño dende que unha enfermidade dexenerativa anulou a súa motricidade e súa capacidade para falar. Casados hai cincuenta e tres anos, a dependencia total do home respecto da muller converteu a relación dos anciáns nunha provisión ampla de tristura. Ámanse. Ela demóstrao coa súa dedicación e el coa tenrura da mirada, única vía de comunicación coa realidade que non lle roubou a enfermidade. Pero a tristeza domínao todo. Chega a todas as esquinas da casa, interponse entre o roce dos corpos, penetra no osíxeno que captan os seus sistemas respiratorios, descansa no colchón cando eles se renden sobre a cama. Viven os tres xuntos.


Ese martes, como ocorre cada día da semana, Ana dá de comer a Toño e ao rematar tende unha manta sobre as súas pernas. O home míraa intensamente. É a forma de dicirlle quérote. Ela sorrí. Logo cada un durme a sesta no seu sofá durante unha hora. Espertan ao mesmo tempo. Ana acende o televisor e érguese para ir o baño. Espreguízase. Entón, cando pasa por detrás de Toño, desvanécese como unha marioneta que se garda no baúl. O son que provoca a súa caída sobre o solo alerta ao home, que só reacciona internamente, apurando os latexos do corazón, sentindo pavor, chorando. Non pode volverse, non pode preguntar Ana, que che ocorre, non pode pedir auxilio. A muller sufre un infarto cerebral. En poucos minutos queda colapsada, e sen posibilidade de recibir asistencia, morre en cousa de horas. Toño e a tristeza comprenden que agora están máis illados e máis abatidos.


Chega o mércores. Nas primeiras 24 horas o impacto impídelle ao home sentir fame, pero a barba de dous días, os pantalóns mollados, a suor, o frío, xa son indicadores de que sen Ana non lle resta moito máis que agardar unha milagre. Ou que apareza a súa propia morte. Chega o xoves e sinte por primeira vez a fame. Desolación. Dende o sofá divisa o televisor acendido, o reloxo da parede, o teléfono, o ceo. Chega o venres. Apenas pode percibir a fortaleza dos cheiros que hai en casa. Chega o sábado. Agarda coa vista posta no reloxo. Non debe quedar moito.



Te puede interesar