Opinión

Alfombras rebentadas

Hai metáforas que abarcan, na inmediatez que reflicte a súa imaxe, todas as explicacións que se poidan dar nunha linguaxe carente de símbolos literarios. Escusamos sermóns, enciclopedias, dossieres, mentiras, porque posuímos un feito comunicativo urdido na imaxinación, inmune á contaminación social. En moito menos tempo que o que custa expresar e entender os labirintos do Mundo Gürtel ou as variantes hermenéuticas do procesamento do xuíz Garzón, a nube de cinza que paraliza Europa ofreceunos todos os detalles do que ocorre a ras de codia terrestre. A erupción do Eyjafjalla, e a parálise na que ficaron sumidos os ceos, falou por Zapatero, por Rajoy, por Díaz Ferrán, polo Tribunal Constitucional, polos bancos, por Cristiano Ronaldo, polo sistema capitalista, polo Vaticano. Estes poderán seguir pronunciándose, loxicamente, pero nós xa non necesitaremos prestarlles atención para advertir que hai en realidade detrás dos seus discursos. O resume, a redución esencial das cousas que suceden aquí abaixo a diario, atopámola aí arriba, nas partículas de roca e o dióxido sulfúrico que alcanzan a estratosfera, nun fermoso xesto de fumigación global.

Non resulta fácil entender o nivel de degradación que alcanza a realidade seguindo a sucesión dos acontecementos que a van alimentando diariamente. Os seus mecanismos internos adquiriron tal complexidade, que esta impide un achegamento á lóxica que a fai funcionar. Pero entón o volcán situado baixo o glaciar Eyjafjalla entrou en erupción, e desfollou as ramas. Quedou todo á vista, clarísimo, espido, se me permite a contradición. As nubes que cubriron a continuación os ceos non representan un problema para a saúde, e acaso constitúen una ameza maiúscula para a aviación, pero, sobre todo, exercen de metáfora perfecta da degradación. Todo parecía ir ben, a cousa estaba tranquilo, e de socato advertimos que debaixo da alfombra a inmundicia non aguantou máis tempo, e explotou. Logo espallouse por un continente enteiro e as consecuencias desencadeáronse nos restantes.

A perfección da metáfora permite mil interpretacións. Incluso dá pé a que, detrás deste acontecemento alguén non vexa senón un feito xeolóxico, carente de carga simbólica. Eu non pode evitar ver alfombras rebentadas pola inmundicia que trataban de conter.

Te puede interesar