Opinión

Ao revés

Claramente, cando a xente pensa A, un debe pensar B. Na medida que se poida hai que andar ao revés. Non lle vexo sentido a que todos nos despracemos na mesma dirección. Nin sequera cando a dirección é probablemente a correcta. Non creo nas cousas ben feitas. Cando máis ben feitas e perfectas, máis problemáticas. Por esta razón, e a risco de que non me deixen entrar en casa, quero defender a Rajoy. Sei que se defende perfectamente só, non hai máis que velo: segue aí, en pé, vivo despois de estar morto, vivo e morto de novo. Éncheme de satisfacción (quen me viu e quen me ve, verdade?) que manteña no seu posto ao tesoureiro do partido, Non Sei Qué Bárcenas, cando todo o mundo está de acordo en que o quite de aí. Trátase dunha aplicación modélica da teoría de pensar non cando a xente teima en pensar si.


Este comportamento é parente próximo daquel que encarnaba Faulkner, cando sostiña que un escritor de raza, se para escribir unha cousa ten que matar á súa nai, pois mátaa. Esta teoría tamén me gusta. Gústanme os tipos obcecados, dispostos a fracasar ou a triunfar, pero sen apartarse nunca da súa idea.


Non faltan voces que adiviñan que Bárcenas acabará mal, ou moi mal. De feito, sobran voces reclamando a Rajoy que se desfaga de alguén que non é senón un cadáver dentro do armario. Bah, pesimistas. Pesimistas dos peores, deses capaces de preguntar, nun momento dado, se non haberá posibilidades de que nos quiten o bailado. Mariano, por agora, aguanta ben, avanza camiñando de costas, como mandan os canons. No fondo sabe que os cadáveres de hoxe xa non son de antes: non cheiran, falan, e poden vivir moitos anos en plenitude, colectando sonoros éxitos. Basta ollar para Massiel.


Que grandes! Mal asunto, Mariano, cando un fai caso da maioría, ou incluso dos que saben. Se vostede non acredita nesta opinión porque pensa que hai que ser un ladrillo máis na parede, e non un notas, lembre que tamén se dicía que a terra xiraba arredor do sol. É máis, o gremio científico, e a xente en xeral, a xente normal, segue sostendo esta idea. O que me leva a insistir en que cando todos din arre, hai que dicir xo. Feliz xaneiro.



Te puede interesar