Opinión

OS ARGUMENTARIOS

En política, ás oito da mañá, están preparados os argumentarios, a modo de almorzo. Hai, digamos, un guión para orientarse ao saír da casa. Loxicamente, se hai guións, hai guionistas. Previo ao guión, hai estratexias, e se hai estratexias, por razóns que chamaremos obvias, ten que haber estrategos. Até aquí, o relato é fácil seguir. Argumentarios, guionistas, estrategos. Porén, a facilidade faise confusa ao tratar de entender a natureza íntima dos estrategos. Talvez non sexa un despropósito supoñer que son un equipo de cerebros ávidos e pragmáticos, que manobran, intencionadamente, na sombra. Se o oficio, na arte, consiste en que ninguén advirta a súa presenza, aplicada unha regra de tres, quizais o estratego sexa alguén que traballa para que ninguén advirta que existe nada deliberado nas cousas que ocorren.

O obxectivo é que, na parte da realidade na que dá a luz, alguén interprete o guión, concibido na parte da realidade sombreada, coa dialéctica autónoma de toda marioneta. Perdoe a contradición. Neste senso, a política derivou nunha ficción, un exercicio de estilo, unha peza dramática. Un guión adaptado. Un filme perpetuo no que os políticos, curiosamente, non existen como políticos, senón como intérpretes, monicreques. Non son necesarios porque o seu papel non aporta realismo á montaxe. O efecto inmediato deste teatro é que o cargo público, en tanto que un elemento máis da longametraxe, diluíuse na condición de personaxe. “Son un home de negocios, nada máis”, dicía Al Capone. Na mesma medida, os políticos xa só son máscaras. En ningún caso cargos representativos, alguén do quen haxa que esperar algo auténtico. Non valen, como diría Faulkner, mil mistos apagados.

Recibidos os argumentarios, unha vez fóra da casa debe cumprirse cunha regra básica: non hai que pensar en voz alta. Nunca. O criterio persoal cultívase no silencio, na intimidade. Esa autenticidade que un leva dentro é valiosa na medida que ten cos movementos restrinxidos. A autonomía de razoamento só conduce á derrota, aínda que en si iso sexa un gran trunfo. Na dialéctica partitocrática na que a realidade agoniza, xa non quedan cargos que non estean advertidos de que, en política, nada máis perigoso e aventurado que os xuízos propios. Contra esa ameaza inventáronse os argumentarios, metáfora perfecta do home baleiro. Feliz aquilo.

Te puede interesar