Opinión

Autodestrucción

Hai homes e mulleres que poñen todo o énfase en destruírse a si mesmos con fixación e exactitude, buscando algún xeito de escura perfección na caída no abismo. Precipítanse ao baleiro como un animal tropeza na trampa, e xa non conseguen deterse até que só quedan deles os escombros, a tristeza, algúns días a nostalxia. Non están satisfeitos co que representan e buscan desfacerse do lastre desa identidade fracasada como se puidese transportarse nun caldeiro e perder o seu rastro no vertedoiro. Todos coñecemos a alguén así. A veces nós mesmos somos alguén así. A autodestrución está sementada en cada individuo.


Pero, un goberno autodestrutivo? Cando se viu? Non sei nada, salvo que agora xa se pode ver. Está aquí, entre nós, secuestrado por unha estraña fe no poder transformador da destrución. Como se un goberno que arrasa e desmantela fose un goberno que crea. ‘Un home’, escribiu Chesterton, ‘nunca debe deixar no universo nada que o aterrorice’. Este presidente, sobrecollido polo poder da lingua, ordenou iniciar xusto por ela a demolición de Galicia, para fundar no seu lugar un País Novo, un Mundo Feliz, un Vaticano Utópico. A Nada Perfecta.


‘Os meus nobres amigos’, dicía Bruto no segundo acto de Julio César, ‘matémolo con brío’ pero sen saña. Cortémolo como un manxar digno dos deuses e non como carnaza para cans’. Falaba Shakespeare do emperador, pero como precisamente se trataba de Shakespeare, no particular viaxaba o universal, de modo que tamén o dramaturgo se refería a unha Galicia a punto de ser destripada por Bruto, Casio, Cata e os outros conxurados.


O espectáculo da aniquilación é inédito e sanguento, pero de final coñecido. Esteamos arrepiados, mais tranquilos. Porque para destruír unha cultura non basta con poñerse a destruíla. Non hai golpes, decretos, bombas con forza capaz de perforar certos muros, recubertos simplemente do material indestrutible da conciencia e dignidade das persoas que aman entenderse nun idioma propio, que di deles máis que calquera historia persoal. Non hai goberno, digámolo, capaz de acabar co galego, pero si hai gobernos capaces de buscar a destrución. Pobriños.



Te puede interesar