Opinión

Baleiro

Na segunda planta do pavillón da Bienal de Sao Paulo non hai nada. Nada de nada. Son doce mil metros cadrados consagrados a un baleiro total. Baixo este contido cero queda expresada, segundo o comisario da Bienal, a aposta artística desta edición. A proposta é a nada. Nin novos ismos, nin novos artistas, nin novas linguaxes. Só a nada, o deserto das columnas e as paredes, o oco, o paseo do espectador a través dun silencio que dura máis dunha hectárea.


Talvez moitos tivemos a sensación de que esa idea xa se nos ocorrera a nós, pero faltáronnos resolución e ferramentas para executala. Eu, ademais, acordeime dunha carta na que Flaubert escribe, en 1850, que ‘o mundo vaise volver tremendamente imbécil. Durante os próximos anos, a cousa vai resultar moi aburrida. É unha sorte que vivamos agora e non máis tarde’. Efectivamente. Sao Paulo retrata á perfección os tempos que Flaubert vaticinou. A estupidez está aquí. A nada é o gran proxecto da humanidade nos cen últimos anos. Faltaba que, despois dese século, alguén lle dera tratamento artístico.


Neste tempo sucederon moitas cousas. Millóns de cousas cada día. Algunhas modificaron o rumbo da historia. Pero, se o pensamos, non aconteceu nada relevante. O século XX deixounos como herdanza o discurso do baleiro. Aqueles anos fóronse apartando, e no lugar que deixaban libre había moita nada. De certo, a nada resultou un solar ideal para especular, e por esa razón aparentemente había de todo: grandes acontecementos, grandes fazañas, grandes homes, grandes progresos, grandes inventos. Pero todo era ficticio.


Os grandes beneficios, escribiu Sciascia en Todo modo, fan desaparecer os grandes principios. E detrás do grande, estaba o pequeno. Houbo un proceso de personalización da realidade, que se moldeaba a medida de cada un. Esta lóxica individualista vive sen ideal. A moda invade todas as esferas. A febre das novidades redúceo todo a felicidade, a éxito, a benestar, a publicidade, a minuto e medio, a deseño, a votos, a titulares. Baixo o triunfo aniñaba o fracaso, detrás da riqueza reinaba a miseria. Por iso na segunda planta da Bienal está o mundo real.



Te puede interesar