Opinión

Barbie

Falemos de Barbie. En condicións normais nunca falaría de Barbie. Hai cousas máis estúpidas nas que estes días, alguén tan ocioso coma min, debe perder o tempo. Pero en ocasións as condicións normais, como ben se sabe, caracterízanse por ser profundamente estrañas, incluso anormais. Barbie cumpre cincuenta anos. Loxicamente está mellor conservada que as persoas que naceron no mesmo ano, e por algunha razón tamén mellor conservada que aqueles que nacemos moito despois. Nunca fumou, dificilmente consumiu drogas, e tamén é probable que non tivera relacións sexuais. Xa todos consideramos a súa relación con Ken unha impostura social, máis dirixida a consolidar os valores da boneca que a alimentar a paixón sexual de dous corpos que, a fin de contas, son de plástico.


Barbie transmite felicidade. Poucos mundos propios resultan más ditosos. O Mundo Barbie é basicamente rosa. Comezando, de feito, pola cor da súa pel, e continuando polos complementos. Alguén lle coñece un problema a esta boneca? Tivo varicela? Catarreira? Rían dela no colexio? Quedou preñada? Suspendeu matemáticas? Non, nada, nunca. As cousas que non lle ocorreron falan da súa perfección tanto como as que viviu.


Barbie habita de costas á adversidade. Por iso triunfou durante todos os anos que os fillos estiveron sen descubrir os atractivos dunha realidade canalla. A felicidade, a secas, era pouco, e por iso Barbie comezou a ser moitas barbies. Unha chochona sempre é una chochona, pero Barbie non debía conformarse con ser unicamente ela mesma. Hoxe era doutora, mañá veterinaria, outro día camareira, amazona, turista de safari no Serengueti, modelazo en Miami Beach, tenista en Wimblendon. Así ata o infinito. Ese era o quid: a capacidade para non ser nunca a mesma sendo sempre igual.


Certo é que Barbie xa non é a boneca que foi. Non bastou que os modelos de Calvin Klein, Donna Karan ou Ralph Lauren saíran no seu rescate. As últimas xeracións de rapaciñas, a través das que Barbie mantiña a súa cute impoluta, foron abandonando cada vez máis cedo o modelo de felicidade caramelizada. A realidade está chea de deliciosos desgustos e melodramas que hai que vivir.



Te puede interesar